O conxunto de sobreiras de San Roque, incluído no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia

O conxunto de sobreiras de San Roque, incluído no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia Este logro é un recoñecemento ao traballo de posta en valor do patrimonio natural único do Concello de Tomiño

O conxunto de sobreiras de San Roque do Concello de Tomiño acaba de ser incorporado ao Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia, un rexistro público dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda no que figuran todas aquelas árbores e formacións que merecen unha protección especial en atención ás súas características singulares ou excepcionais.

Trátase dunha formación de 14 exemplares de sobreiras que se atopan nunha superficie aproximada de 2.300 m2 na parroquia de Goián distribuídas en catro grupos ao longo do adro a carón da capela de San Roque, espazo de interese histórico e patrimonial. Os exemplares, algún deles de máis de 18 metros de altura, teñen unha idade estimada de máis de 250 anos.

Este logro supón un recoñecemento do compromiso do Goberno municipal de Tomiño pola protección e posta en valor deste patrimonio natural único de grande importancia. Foi o Concello o que solicitou a catalogación a raíz da información recadada para realizar no ano 2020 un libro no que se recollen 116 árbores ou pequenos grupos de árbores e 9 formacións de 40 especies diferentes logo dun intenso traballo de catalogación no que se recolleu información achegada polo propio Concello, grupos naturalistas da zona, comunidades de montes e veciñanza, ademais da realización de prospeccións de campo realizadas nos anos 2016 e 2017.

Na solicitude destacouse o emprazamento das sobreiras de San Roque, que estarían situadas no espazo fortificado do século XVII coñecido como Forte da Concepción. Na zona onde se localizan as sobreiras está tamén a Capela de San Roque, que data da mesma data de construción do forte. A capela xunto coas sobreiras foi recollida polo pintor tomiñés Antonio Fernández na súa obra durante a década dos anos 40 do século pasado.

O Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia, que está en constante actualización, ten rexistrados neste momento 192 elementos pertencentes a 84 especies diferentes, 151 deles exemplares e 41 formacións arbóreas. Coa inclusión da formación das sobreiras de San Roque neste catálogo garántese a protección e conservación do conxunto, o que implica a prohibición de calquera acción que poida afectar negativamente á súa integridade, saúde ou á súa apariencia e calquera proxecto a realizar necesitará autorización administrativa previa da Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia.