O cuarteto galego Helen & Shanna substituirá a Babieca este sábado na Praza do Seixo Por razóns de forza maior o grupo tudense non poderá ofrecer o concerto previsto dentro do ciclo O Son das Prazas

O cuarteto galego Helen & Shanna substituirá a Babieca este sábado (23 de xullo) na Praza do Seixo, xa que por razóns de saúde o grupo tudense non poderá ofrecer o concerto previsto dentro do ciclo O Son das Prazas. O horario será o mesmo:  22.30h e a entrada, de balde.
Os galegos Óscar Roal, Alberto Brandon, Alex Penido e Carlos Souto forman un cuarteto capaz de fusionar culturas a través dos sons e no seu novo single “Carmo 22” afondan no folk e na psicodelia.

Melancolía e esperanza danse a man neste grupo nunha canción sosegada que crece a cada escoita. “A través dunha letra poética e unha música atmosférica, Carmo 22 fala sobre unha viaxe reveladora, a amizade e o amor. Unha procura contínua cargada de matices musicais e líricos”, explican os compoñentes.

Helen & Shanna, foi creado en 2013 como dúo, tendo na actualidade catro músicos, algúns deles, da comarca do Baixo Miño: Óscar Roal, voz e guitarra; Alberto Brandon, batería; Alex Penido, baixo, teclado e coros e Carlos Souto, percusión e coros.

Ademais deste concerto, o ciclo “O Son das Prazas” traerá o domingo 24 de xullo á Praza do Seixo, a actuación da Banda Filarmónica de Santa María de Bouro. Esta formación, nada en 1858 á sombra do vello convento cisterciense, retomou a súa actividade en 1999 participando dende entón en diferentes concursos, festivais, concertos e gravacións, alén de formar a novos valores locais na súa Escola de Música. O concerto está programado para as 12.00h, e é tamén para todos os públicos e gratuíto.

Por outra banda, dentro da iniciativa do Concello de dar a coñecer o patrimonio histórico a través da música, Anxo Pintos & Begoña Riobó (“Parbö”) achegarán á Igrexa Románica de Santa María de Tomiño unha simbiose entre patrimonio e música. Mediante o uso de instrumentos como a zanfona, a arpa céltica e o violín, o seu repertorio baseado na música tradicional incluirá temas da lírica galaico-portuguesa. A súa actuación será mañá venres 22 de xullo ás 20.30h. Para todos os públicos e de balde.

Tamén o venres a Praza do Seixo acollerá ás 22.00h o XXVII Encontro dos Pobos, un festival internacional celebrado polo grupo de Baile e Gaitas “Do Lusco ó Fusco”, no que participarán o grupo de baile Virxe do Alivio e o Folklórny Subor Drevár de Eslovaquia. Este último conta cun total de 30 compoñentes de entre 14 e 35 anos, cuxo éxito é froito da dedicación, tanto de bailaríns, coma do director Jozef Murín. Todos os públicos poderán asistir ao encontro de xeito gratuíto.

Finalmente, o sábado 23, terá lugar o obradoiro de vídeo mapping no salón de plenos do Concello. O artista visual Miguel Martínez Caraballo impartirá o taller, que consistirá no uso de proxeccións de vídeo e luz sobre unha superficie calquera, convertendo obxectos comúns en escenarios dinámicos tridimensionais, con efectos visuais atractivos. Entre as actividades do obradoiro atópanse o mapearado da fachada do Concello, o modelado cun programa de deseño 3D e a xeración de imaxes cun software de vídeo mapping para que os obxectos cobren vida. Todas as persoas maiores de 12 anos poderán asistir ao taller, que terá lugar entre as 11.30 e as 13.30h e entre as 19.00 e as 21.00h. As proxeccións do vídeo mapping comezarán ás 22.30h. Prezo 20€.