O curso de atención sociosanitaria a persoas no domicilio de Tomiño chega ao seu ecuador

O curso de atención sociosanitaria a persoas no domicilio de Tomiño chega ao seu ecuador O Concello encheu as prazas deste curso formativo de 300 horas co que se busca facilitar o acceso ao mundo laboral a tomiñeses e tomiñesas desempregadas

Chega ao seu ecuador a nova edición do curso gratuíto posto en marcha polo Concello de Tomiño para formar a persoas desempregadas como auxiliares de atención sociosanitaria a domicilio.

Un novo paso “na aposta que facemos dende o Goberno municipal por organizar accións que permitan non só ofrecer cursos formativos para os nosos veciños e veciñas, senón facelo tendo en conta a demanda actual do mercado laboral”, destaca a alcaldesa, Sandra González.

Organizado dende a Concellería de Benestar Social e Igualdade en colaboración coa empresa IDADES, especializada na prestación de servizos de atención sociosanitaria, as 15 persoas inscritas comezaron curso comezou a súa parte teórica o pasado 6 de febreiro na Escola Obradoiro O Regatiño de Goián e rematarán a finais do mes de marzo.

“É un orgullo ver a gran resposta da veciñanza, que encheu todas as prazas dispoñibles rapidamente”, explica a concelleira, Cristina Martínez. Do 3 ao 31 de abril as persoas participantes no curso formativo realizarán prácticas non remuneradas en diferentes domicilios para achegarse á realidade deste servizo.

Dirixido a persoas desempregadas empadroadas en Tomiño, ao remate da formación as e os participantes recibirán un diploma acreditativo que, ademais de facilitar o acceso ao mercado laboral no sector, servirá para abrirlles novas vías para a obtención da Acreditación das competencias profesionais da Consellería de Educación da Xunta de Galicia.