O curso escolar baixa o pano en Tomiño cun novo éxito das extraescolares

O curso escolar baixa o pano en Tomiño cun novo éxito das extraescolares Máis de 220 nenos e nenas participaron nas diferentes actividades de balde organizadas polo Concello

O Concello de Tomiño pecha un novo curso escolar con éxito rotundo das actividades extraescolares que cada ano organiza de balde “co obxectivo de ofrecer oportunidades de lecer e formación que axuden aos nenos e nenas tomiñeses a crecer en igualdade de condicións”, como sinala a alcaldesa, Sandra González. Durante este curso, 220 rapaces e rapazas de todos os niveis educativos participaron nas 6 actividades postas en marcha, dúas delas de nova oferta, e nas que o Goberno municipal investiu máis de 35.000 euros.

Entre as extraescolares seleccionadas de entre as 12 propostas para este curso, a rapazada estreou ‘Xogando a ser artistas’, onde os máis cativos e cativos se iniciaron no deseño e na creación artística no CEIP Plurilingüe de Tebra e no CRA Mestre Manuel Garcés, e ‘Robótica con LEGO’, unha innovadora actividade de iniciación á programación e á robótica que se impartiu no CEIP de Barrantes.

Por outra banda, o alumnado puido volver desfrutar este curso coas actividades de ‘Multideporte’ no CEP Plurilingüe Pedro Caselles Beltrán, de ‘Lingua de signos’ no CEIP de Sobrada, de ‘Cociña’ no CEIP Pintor Antonio Fernández de Goián e de ‘Inglés’ no IES Antón Alonso Ríos, unha actividade financiada conxuntamente coa ANPA do instituto e que permitiu o estudantado da ESO e Bacharelato reforzar ao longo do curso as súas competencias na materia.

Unhas actividades para desfrutar dun tempo de lecer acompañados por equipo especializado “sen que supoña un custo económico para as familias”. Como destaca a alcaldesa, “seguimos apostando ano a ano por ofrecer unhas actividades extraescolares atractivas e novidosas para toda a rapazada dentro do compromiso do Concello co benestar e a educación das máis e dos máis pequenos, proporcionando recursos e oportunidades que favorezan o seu desenvolvemento integral e faciliten a conciliación familiar a todas as tomiñesas e tomiñeses”.