O deportista do Spartan Team de Tomiño Charly López, subcampión galego de Full Contact Caeu ante Aaron González, actual campión de España de boxeo, na final do campionato galego disputado a pasada fin de semana no pavillón Óscar Pereiro de Mos

Gran actuación do goianés do Spartan Team de Tomiño, Charly López, no Campionato Galego de Full Contact celebrado a pasada fin de semana no pavillón Óscar Pereiro de Mos. López acadou o título de subcampión de Galicia tras caer na final nun axustado combate ante Aaron González, actual campión de España de Boxeo.

Non é a primeira vez que o deportista do Spartan Team de Tomiño consigue este título na categoría dos 71 kg, xa que fíxose co subcampionato tamén no ano 2011. O obxectivo era tentar revalidar o título de campión galego de Full Contact que xa conseguira nos anos 2009 e 2010.

López leva 10 anos practicando artes marciais e deportes de contacto, dende o sanda ata o full contact pasando polo muay thai, polo kick boxing, do que foi campión galego en 2012 e subcampión de España en 2011 e 2015, ou polo boxeo do que foi subcampión galego en 2012 e campión en 2017.

A este campionato tamén acudiu o vigués aínda afincado no club tomiñés Xavier Cacheiro, que disputou os seus combates na categoría dos -75 quilos e que caeu en cuartos de final.

O responsable de Deportes do Concello de Tomiño quere felicitar a Charly López por ese novo título e eloxiar o bo traballo de todo o equipo tomiñés nas distintas competicións nas que está a participar.