A alcaldesa de Tomiño, Sandra González; o concelleiro de Planificación Estratéxica, Uxío Benítez; e o edil de Obras, Alexandre Pérez, reuníronse este venres co director do Territorio Norte de Telefónica España, Manuel Alonso

O director do Territorio Norte de  Telefónica comprométese a mellorar a cobertura en Tomiño Alcaldesa e concelleiros mantiveron unha reunión co responsable desta compañía e explicaron as dificultades de comunicación da veciñanza tomiñesa

O encontro produciuse o día en que unha avaría de Telefónica mantivo durante horas incomunicada a toda a comarca

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González; o concelleiro de Planificación Estratéxica, Uxío Benítez; e o edil de Obras, Alexandre Pérez, reuníronse este venres co director do Territorio Norte de Telefónica España, Manuel Alonso, para abordar os problemas de cobertura móbil aos que ten que facer fronte a veciñanza tomiñesa cada día.

O Goberno municipal tiña solicitado este encontro coa compañía telefónica como parte das accións levadas a cabo para denunciar as dificultades de comunicación no concello, con 24 zonas con case 7.000 veciños e veciñas empadroadas onde o servizo está sendo deficitario, chegando nalgunha delas a haber unha total ausencia de cobertura, “o que supón grandes prexuízos tanto para a veciñanza como para as empresas instaladas. Unha deficiencia do servizo que é especialmente preocupante na zona máis próxima ao río, na que chegou a darse situación de non poder comunicarse cos médicos nunha urxencia”, lamentou a rexedora.

Coincidindo co día no que unha avaría de Telefónica mantivo durante horas incomunicada a toda a comarca, Manuel Alonso comprobou in situ a problemática e comprometeuse a tomar xa as medidas necesarias para ampliar a cobertura en todo o municipio, aínda que tamén resaltou “que vai ser un proceso que se vai demorar varios meses, pero que se vai resolver finalmente”. Alonso é responsable da compañía nas comunidades autónomas de Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco, Navarra e A Rioxa.

O Concello iniciou hai tempo un proceso para demandar ante a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e á Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais os problemas de cobertura móbil, e chegou a poñer en marcha a campaña ‘Cortouse!’, a través da que se recolleron datos de todos os problemas experimentados polos veciños e veciñas que permitiron redactar unha detallada denuncia con información de operadores, zonas de corte ou días ou horas nas que se detectaron problemas.