O Entroido volve a Tomiño A parroquia de Goián cambia o formato pero mantén concertos e actividades organizadas pola Asociación Cultural Taíña coa colaboración do Concello e da veciñanza

Ante a incerteza destes dous últimos anos, foron moitas as asociacións que, debido á pandemia, non puideron xuntarse para elaborar disfraces, ensaiar coreografías etc. Ademáis o investimento de tempo e diñeiro era dubidoso, xa que non sabían se finalmente o desfile podería celebrarse ou non polas condicións da pandemia.

Así as cousas, o tradicional desfile “Venres de Foliada”, terá lugar o 25 de febreiro no centro urbano de Tomiño (nas rúas próximas ao Seixo). O percorrido será similar ao doutros anos, con saída dende o Colexio Pedro Caselles Beltrán, ás 21.30h, continuando pola rúa Gondomar ata a zona da Pedra. “As comparsas irán acompañadas, como todos os anos polas treboadas”, explica a concelleira de Cultura, Ana Fernández Carrera.

Na parroquia de Goián, este ano volverase a respirar a esencia tradicional do entroido desta parroquia. Impulsado pola Asociación Cultural Taíña e contando coa colaboración da veciñanza goianesa e do Concello de Tomiño, o programa desenvolverase con actuacións, espectáculos, concertos, pasarrúas e actividades, aínda que se botará en falta o tradicional e recoñecido desfile do Martes de Entroido.

Programa

O venres 25 ás 22.00 horas, concerto do grupo local de música reggae The Black Turf e pinchada musical no Centro Goianés (entrada libre ata completar o aforo).

O sábado 26, a partir das 17.00 horas e durante toda a tarde, na praza Pintor Antonio Fernández, haberá pasarrúas e actuación do grupo de fanfarria Brassica Rapa, xogos populares e atracción/actuación sorpresa.

Ao redor das 21.30 horas o colectivo Máis Lume Kolektive estará na praza Pintor Antonio Fernández animando durante horas coa súa soundsystem.

O domingo 27, sobre as 17.00 horas, na praza Pintor Antonio Fernández, haberá pasarrúas de treboadas e carretillada estática de entroido.

Sobre as 19.30h levarase a cabo un serán de entroido aberto a todos os públicos, e a partir das 21.30h, sesión bailonga durante toda a noite, da man de Lakenobaila dj + concurso de disfraces.

O martes, 1 de marzo, tamén na praza Pintor Antonio Fernández, ás 18.30h terá lugar un concerto a cargo do trío “Breocáns”. Para rematar, ás 20.00h haberá un serán/guateque de entroido xunto cun concurso de disfraces.

“Novo formato, nova normalidade, pero a esencia de sempre. Desfrutemos do entroido con sentidiño. Agardámosvos”, comentan dende a organización da Asociación Cultural Taíña.

Foto principal: Metropolitano.gal