22 Dec O Concello elabora unha diagnose sobre igualdade e violencia de xénero en todos os centros educativos de Tomiño O estudo recolle a formación como punto clave a traballar e desvela que o 70% das persoas participantes coñece algún caso de violencia de xénero
O Concello realizou esta análise a través de foros, entrevistas e enquisas a alumnado, familias, persoal dos centros educativos, ANPAS e persoal técnico
O Concello de Tomiño continúa apostando pola igualdade en todos os eidos, tamén no educativo. Neste camiño, puxo en marcha un estudo-diagnose sobre a igualdade e violencia de xénero nos centros de ensino tomiñeses, unha iniciativa coa que se poñía o foco de atención na realidade da comunidade educativa tendo en conta todos os niveis formativos, dende infantil, primaria, secundaria ou bacharelato ata a FP Básica e os ciclos formativos.
Durante os últimos meses o Concello realizou foros, entrevistas persoais e enquisas a alumnado, familias, ANPAS, persoal dos centros educativos e persoal técnico que permite ter “unha fotografía real do que está a acontecer para deseñar e levar a cabo nos centros educativos intervencións o máis enfocadas posible para acadar resultados na promoción da igualdade e na prevención da violencia de xénero”, como destacou a alcaldesa, Sandra González.
O estudo-diagnose evidencia a importancia que teñen a igualdade e a violencia de xénero en Tomiño e a implicación do Goberno municipal, pero tamén evidencia a necesidade de continuar coa formación nestas cuestións, non só dirixida á rapazada, senón tamén ao profesorado e ás familias para abordalas de xeito transversal a toda a sociedade para cambiar o problema dende a raíz. E é que o estudo desvela que o 70% das persoas participantes coñece algún caso de violencia de xénero.
A concelleira de Educación Cristina Martínez, salienta ademais que a diagnose recolle que esta formación debe “buscar alternativas e enfoque de abordaxe da temática para chegar mellor á mocidade, afondar máis alá do politicamente correcto nos discursos e acabar con patróns que seguen a perpetuar a desigualdade de xénero ou a violencia machista no día a día”.
A pesar da unanimidade de opinión sobre a importancia da igualdade de xénero “como paso tamén para a erradicación do resto de desigualdade” e a prevención e eliminación da violencia machista “unha lacra, non só polos casos extremos que saen nos medios, senón pola violencia oculta no día a día”, o estudo desvela que case o 70% das persoas participantes coñecen algún caso de violencia de xénero na súa contorna. Para cambiar a situación, os foros, entrevistas e enquisas rebelan a necesidade de realizar actividades máis participativas, de experimentar con actividades de rol playing e intercambio de roles, realizar actividades fóra da aula ou apostar por xogos educativos.
A diagnose tamén resalta a importancia de seguir traballando nos centros escolares na linguaxe non sexista, no uso de referentes femininos tamén nas distintas materias, no coidado e vixilancia da discriminación positiva, na repartición dos patios de xeito igualitario ou en dar un maior apoio e credibilidade ao alumnado cando expón situacións de desigualdade que se poidan estar a producir. A formación en novas masculinidades, prestar atención ás redes sociais e novas tecnoloxías, talleres de autocoidado e bo trato dirixidos a todos os públicos ou unha educación afectivo-sexual son outros dos aspectos que se destacan no estudo.
Por outra banda, nos foros, entrevistas e enquisas sobresae a cultura popular como un dos principais propulsores das desigualdades e faise referencia en diversos momentos ás redes sociais como un dos eidos importantes a traballar para eliminar esas desigualdades. A diagnose reflicte un desexo de que a sociedade estea a avanzar en termos de igualdade de xénero, aínda que se detecta un sentimento de estancamento na situación.
“A igualdade de xénero e a prevención da violencia machista é para nós motivo de inquedanza, por iso quixemos afondar na realidade das nosas escolas e da nosa sociedade para descubrir ángulos cegos para poder desenvolver iniciativas diana e proxectos que vertebren un cambio real e evidente”, sinala a alcaldesa, Sandra González.
Os resultados desta diagnose sobre igualdade de xénero e violencia machista no ámbito educativo foron presentados este xoves no salón de plenos do Concello a todos os colectivos participantes, tanto a persoal técnico do Concello como a membros da Corporación Municipal; membros do Concello da Infancia e Adolescencia de Tomiño, Voces Novas; representantes dos centros educativos participantes (CEIP de Barrantes, CEIP Pintor Antonio Fernández, CEIP de Sobrada, CRA Mestre Manuel Garcés e IES Antón Alonso Ríos) e membros da ANPA Barrantes, ANPA A Mimosa-Sobrada, ANPA CEIP de Tebra, ANPA Mosteiro do CEP Pedro Caselles, ANPA Solleiro do IES Antón Alonso Ríos e ANPA Volvoreta do CRA Mestre Manuel Garcés.
O estudo está cofinanciado pola Deputación de Pontevedra mediante a subvención dirixida aos concellos de menos de 20.000 habitantes para o fomento da igualdade de oportunidades e a prevención da violencia de xénero do ano 2023.