O Festival Taíña celebra o seu 20 aniversario comprometido co entroido goianés

O Festival Taíña celebra o seu 20 aniversario comprometido co entroido goianés A Asociación Cultural Taíña prepara unha nova edición deste festival o sábado 18 de febreiro cun cartel ecléctico e festivo

O Festival Taíña celebra este ano o seu 20 aniversario por todo o alto e coa promesa de converterse nunha cita imprescindible do entroido galego. Enmarcado no entroido goianés, este evento está organizado pola Asociación Cultural Taíña, unha plataforma participativa, comprometida e que traballa desinteresadamente dende os seus inicios a prol da cultural e da comunidade e que ano tras ano continúa reinventándose e renovándose xeracionalmente dando conta da sensibilidade e inquietude singular que xorde nesta rexión miñota.

O festival celebrarase o vindeiro sábado 18 de febreiro na Praza Pintor Antonio Fernández de Goián a partir das 22.00 horas. Esta nova edición trae consigo un cartel ecléctico e festivo con algúns nomes ben coñecidos da escena galega e estatal. A festa contará cos directos e performance de High Paw, Akazie x Russ (DJ set), The Rapants e Candeleros. As propostas abarcan xéneros musicais diversos, dende o pop/rock con certas tinturas bravú de The Rapants, que estarán presentando o seu novo LP “O corasón como un after”, ata o reggae e R&B da viguesa High Paw.

Unha das actuacións máis especiais será, sen dúbida, a de Candeleros, grupo madrileño que bebe da cumbia, o merengue e o dub, entre outros, influencias que entregan a un exorcismo sonoro. Estes pasaron por festivais como Sonorama Ribera, o Sziget Festival (Budapest) e o Festival BAM (Barcelona). Así como en plataformas como KEXP Radio (Seattle) e SXSW (Austin).

O festival terá como peche ás DJ e produtoras Akazie e Russ, que presentan unha perspectiva da música electrónica deconstruída e experimental que promete baile e groove durante horas.

Máis información nas redes sociais:
https://www.instagram.com/asociacion_cultural_tainha https://www.facebook.com/festivaltainha.goian/