O Fondo Galego de Cooperación ratifica a repulsa ao xenocidio en Gaza

O Fondo Galego de Cooperación ratifica a repulsa ao xenocidio en Gaza O Concello de Tomiño participou na Asemblea Xeral celebrada en Santiago de Compostela, na que tamén se aprobaron as liñas estratéxicas para os vindeiros catro anos

O Concello de Tomiño participou este xoves en Santiago de Compostela na Asemblea Xeral do Fondo Galego de Cooperación e Solidaridade, na que deputacións e municipios socios ratificaron a súa repulsa ao xenocidio que Israel está a cometer en Palestina. As e os máis de 40 representantes municipais presentes, entre eles a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, concordaron en condenar a violencia infrixida contra a poboación civil e esixir o cumprimento do dereito internacional humanitario, tal e como expresaba o comunicado lanzado xa no mes de outubro polo Fondo Galego. A entidade está estudar a realización de futuros proxectos na Faixa de Gaza e actividades de sensibilización en Galicia.

No entanto, na xuntanza tamén se procedeu á aprobación das Liñas Estratéxicas para o mandato 2024-2027 nas que se aposta por seguir incrementando a base asociativa e a capacidade orzamentaria da entidade, pola formación dos cadros políticos e técnicos municipais no ámbito da cooperación e da Axenda 2030 ou polo fomento das alianzas estratéxicas, alén de continuar mellorando o impacto das accións de cooperación ao desenvolvemento e sensibilizando en materia de solidariedade internacional, Dereitos Humanos e Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.

Así se contempla asemade no Plan de Actividades 2024, pois seguirase apoiando o progreso dos países do Sur Global tanto a través dos proxectos como da cooperación técnica, que permitirá a persoal das deputacións e concellos galegos colaborar cos seus homólogos en Mozambique e Cabo Verde. No eido da educación para a cidadanía global, os municipios socios do Fondo Galego teñen ata o 15 de abril para solicitar diversas actividades dirixidas á cidadanía, desde cinema sobre soberanía alimentaria e dereitos reprodutivos ata obradoiros de videoactivismo e comunicación de guerrilla arredor do cambio climático, pasando por danza africana ou teatro sobre a situación nos campos de persoas refuxiadas.

A planificación do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para o ano en curso contempla tamén o apoio ao programa Galicia Abriga de acollemento temporal a mulleres defensoras de Dereitos Humanos, cuxa primeira edición xa está en marcha. Neste senso, a Asemblea pechouse coa intervención da presidenta da Coordinadora Galega de ONGD, María Paz, que explicou a necesidade e os obxectivos desta iniciativa.