O Goberno de Irlanda selecciona o Concello de Tomiño como caso de estudo polo seu modelo de mobilidade

O Goberno de Irlanda selecciona o Concello de Tomiño como caso de estudo polo seu modelo de mobilidade Dúas investigadoras da Universidade de Dublín visitarán a vila o vindeiro 5 de outubro enviadas pola Autoridade de Seguranza Viaria Irlandesa (RSA)

O Goberno de Irlanda vén de seleccionar ao Concello de Tomiño como caso de estudo polo seu modelo de mobilidade: quere coñecer os mecanismos de redución do tráfico que se aplicaron na vila do Baixo Miño e levar as recomendacións tomiñesas para, de ser posible, adaptalas e aplicalas no seu país, especialmente en zonas rurais como en zonas urbanas de pequenas dimensións.

Para iso dúas investigadoras do equipo de investigación da Escola de Arquitectura, Construción e Medio Ambiente da Universidade Tecnolóxica de Dublín visitarán a vila o vindeiro 5 de outubro enviadas pola Autoridade de Seguranza Viaria irlandesa (RSA) co fin de intercambiar coñecemento.

Para facer esta visita e analizar o caso de Tomiño directamente no terreo o Goberno irlandés púxose en contacto co Concello a través da investigadora principal, Jordana Corrigan, explicando que a Road Safety Authority (RSA) está a realizar un informe para mellorar a seguranza viaria para as persoas no país inglés.

Explicaba Corrigan que a Estratexia de Seguranza Viaria do Goberno  (2021-2030) pretende estudar diversos casos en países que adoptaron mecanismos para reducir o tráfico retirando automóbiles das zonas urbanas co propósito de comprender enfoques que poderían adoptarse en Irlanda, revisar os procesos para poñer en marcha esas políticas e avaliar resultados cando estean dispoñibles, ademais de incluír recomendacións para a súa consideración.

Tomiño foi considerada caso de estudo “tendo en conta os importantes avances que se están a realizar nese ámbito da seguranza viaria, a acción climática e a mellora da vida urbana”.

A visita a Tomiño incluirá unha recepción institucional por parte da alcaldesa Sandra González, e unha reunión técnica co tenente de alcalde Uxío Benítez, responsable da Concellería de Planificación Estratéxica, Facenda e Acción Urbana, e outras persoas integrantes do goberno local e cargos técnicos, así como unha visita comentada polos diferentes espazos públicos recuperados.