O IES Antón Alonso Ríos fomenta a investigación co seu I Congreso Científico

O IES Antón Alonso Ríos fomenta a investigación co seu I Congreso Científico Organizado por e para o alumnado, celebrarase do 7 ao 10 de xuño cun amplo programa de actividades

O IES Antón Alonso Ríos continúa a dar pasos para proporcionar ao alumnado un espazo motivador onde o alumnado poida compartir os seus intereses. Con ese obxectivo celebra do 7 ao 10 de xuño o seu I Congreso Científico, un encontro organizado por e para o alumnado no que poderán presentar os traballos científicos realizados durante o curso, xerando debate e experiencias motivadoras que fomenten a investigación e as vocacións científicas.

O congreso, coa saúde e a sostibilidade como eixo condutor, contará tamén cun completo programa de actividades con conferencias, talleres e comunicacións a cargo de persoeiros e entidades de grande relevancia no mundo científico e na contorna. Así, a conferencia inaugural o 7 de xuño será a cargo de Xurxo Mariño, divulgador científico especialista en neurociencia con numerosos premios ás súas costas polo seu papel divulgador e concienciador.

O mércores 8 a Organización Nacional de Transplantes dará unha conferencia antes de abrir a quenda de comunicacións e presentacións dos póster científicos realizados polo alumnado, momento no que poderán amosar o traballo desenvolvido ao largo do curso. O xoves 9 a Asociación Vontade de Tomiño impartirá un taller de saúde mental e o destacado ilustrador Suso Cubeiro un obradoiro de debuxo científico. O programa pecharase o 10 de xuño coa conferencia da bióloga e investigadora Marisa Castro, que falará sobre os cogomelos, a microbiodiversidade e a conservación de especies.

“Para o Concello é un orgullo ter un IES tan implicado co futuro do noso municipio e un alumnado innovador, con inquietudes e intereses capaz de esforzarse para poñer en marcha un congreso deste calibre. Moitos parabéns a todos e todas por unha iniciativa que sen dúbida fará que rapaces e rapazas se acheguen á ciencia dun xeito diferente, ameno e divertido, espertando novas vocacións”, salienta a alcaldesa, Sandra González.