O IKFEM, International Keyboard Festival & Masterclass, amplía o seu ámbito de actuación a Tomiño e Cerveira O primeiro concerto do festival terá lugar no Espazo Fortaleza de Goián, o domingo

O IKFEM, International Keyboard Festival & Masterclass amplía o seu ámbito de actuación da Eurocidade Tui-Valença á nova Eurocidade Tomiño e Cerveira.

Deste xeito, o festival chega á súa sétima edición, do 14 ao 21 de xullo, baixo a lema Music & Fashion. A través deste leitmotiv, o festival de música de teclado aposta por resaltar a relación entre a música e a moda en España e Portugal.

As actuacións arrancan en terras tomiñesas e cerveirenses o domingo 14 de xullo. Primeramente, Mini Mozart Tomiño, no Espazo Fortaleza, ás 21.30h. António Miguel Teixeira e Daniela Castro, na interpretación musical, e Patrícia Costa, na escenografía, decorado e traxes. Público infantil-xuvenil e familias. Unha produción da Casa da Música de Oporto.

Seguidamente, a gran gaiteira Susana Seivane actuará xunto a Abe Rábade e Víctor Prieto, co “Voar a seis mans”. Será o mesmo domingo nos Xardíns do Aquamuseu do río Minho, Cerveira. 23.00h .  Susana Seivane, gaita; Abe Rábade, piano e Víctor Prieto, acordeón.

 

Un total de dezaoito espazos reciben IKFEM 2019 con concertos, cinema, mesas redondas, talleres, master clases e un desfile de moda acompañado de música en directo na emblemática Ponte Internacional de Tui e Valença.

Concertos no Río MiñoIKFEM amplía o seu ámbito de actuación e número de días baixo o título “Concertos no Río Miño”, unha iniciativa da AECT Rio Miño dentro do programa de Cooperación Europea, Smart Minho, que conta coa cofinanciación do 75% do Fondo Europeo de Desenvolvimiento Rexional (FEDER). Así ao longo de tres días, o festival presenta catro concertos nas Eurocidade de Tui-Valença e Tomiño- Cerveira, para promover as sinerxías e relacións culturais entre as dúas beiras do río.

Concertos en Tomiño e Vila Nova de Cerveira:

Mini Mozart. Tomiño, Espazo Fortaleza. Domingo 14 de xullo, 21.30h. António Miguel Teixeira e Daniela Castro, interpretación, e Patrícia Costa, escenografía, decorado e traxes.

As aventuras de Mozart e da súa irmá María Anna marcan as etapas desta viaxe pola música de xenio austríaco. Unha viaxe feita de moitas viaxes xeográficas e musicais do pequeno prodixio, con cuxo talento nos cruzamos de forma lúdica e alegre, porque a música é unha festa e fainos sentir mellor.

Susana Seivane, Abe Rábade, Víctor Prieto, tamén domingo, 14/07/2019, a partir das 23.00h. “Voar a seis mans”, nos Xardíns do Aquamuseu do rio Minho, Cerveira.

Nun formato esencial aberto a numerosas influencias musicais, o repertorio nútrese maioritariamente de composicións orixinais de Susana, Abe e Víctor xunto a versións de música tradicional galega, desde as máis ortodoxas até as exploracións máis arriscadas, pasando polas adaptacións de tres grandes autores suramericanos: Tom Jobim, Astor Piazzolla e Egberto Gismonti.

Susana Sievane é a herdeira dunha das familias con máis prestixio dentro do mundo dos gaiteiros e artesáns de gaitas en Galicia. Finalista dos Indie Awards 2001 (EEUU), en 2018 lanzou o seu quinto álbum “FA” (Fiz e Antón) que recolle os sentimentos do embarazo e a maternidade.

Abe Rábade é licenciado en Jazz Composition e Piano Performance por Berklee College of Music de Boston, é pianista e tamén compón. Tocou na maioría de Festivais de Jazz de España como en máis de 15 países. Imparte clases no Seminario Permanente de Jazz en Pontevedra e na ESMAE do Porto.

Víctor Prieto é acordeonista e compositor; estudou en Jazz Berklee College of Music. É considerado o creador dunha técnica para o acordeón chamada “aproximación de acorde en ambas as mans”, a cal crea harmonías novas. Gañador dun Grammy pola súa colaboración con Eu-Eu Ma, e nomeado aos Grammy en 2014 polo mellor album de Latin Jazz.

 

O IKFEM é sobre todo música, pero tamén é unha cita coa formación e unha oportunidade para descubrir o rico patrimonio cultural que atesouran as dúas marxes do río Miño, entre o suroeste de Galicia e o norte de Portugal.

En cada edición, o festival inclúe un atractivo calendario de eventos musicais e formativos nos que se inclúen master classes, workshops, talleres infantís e concertos, sempre centrados na familia dos instrumentos de teclado: piano, fortepiano, órgano, organetto, clave, acordeón, zanfona, keytar, clavisimbalum, kalimba, viola de teclas ou teclado electrónico.

O programa artístico de IKFEM fortalece sinerxías entre a cultura portuguesa e a española, pois abarca un amplo abanico de xéneros musicais (medieval, barroco, clásico, electrónico, jazz, lírico, pop, indie, rock, folclórico e sinfónico), interpretados por músicos recoñecidos no panorama nacional e internacional.Durante a celebración do festival, os espazos arquitectónicos máis destacados da Eurociudad transfórmanse en auditorios de excepción, achegando un valor engadido ao territorio do Baixo e o Alto Minho e ofrecendo unha oportunidade única para gozar do patrimonio histórico de Tui e Valença a través da música.

Máis información: https://www.ikfem.com/