O Injuve escolle un proxecto do Concello de Tomiño de comunicación e reinserción social de reclusas como exemplo de boas prácticas

O Injuve escolle un proxecto do Concello de Tomiño de comunicación e reinserción social de reclusas como exemplo de boas prácticas

A iniciativa piloto ‘Palabras libres para mulleres presas’ promove o intercambio de cartas entre mozas e mulleres con reclusas do Centro Penitenciario de Cáceres

O proxecto será recollido nun catálogo estatal de accións e programas destinados á mocidade no ámbito local e rexional

O proxecto do Concello e da OMIX de Tomiño ‘Palabras libres para mulleres presas’ foi escollido polo Instituto de la Juventud de España, Injuve, como exemplo de boas prácticas e publicará a iniciativa no II Catálogo de Experiencias, que difunde a nivel estatal accións, proxectos e programas destinados á mocidade no ámbito local e rexional.

A iniciativa foi un dos cinco proxectos de exclusión social elixidos, xunto con programas das deputacións de Barcelona e Valladolid e os concellos de Sant Joan d’Alacant e de Silla. Deste xeito, Injuve valora de forma moi positiva este programa de comunicación e reinserción social organizado pola OMIX de Tomiño co que se leva a cabo un intercambio de cartas entre mozas e mulleres tomiñesas con reclusas do Centro Penitenciario de Cáceres, facendo que as presas participantes poidan ver máis alá da prisión a través dos ollos doutras mulleres.

Como salienta a alcaldesa, Sandra González, “este recoñecemento pon en valor o traballo que se está a realizar pola mocidade dende o Concello de Tomiño ao longo dos últimos anos, promovendo que a rapazada teña unha gran participación  en todos os eidos municipais e facendo proxectos contando con ela. A OMIX de Tomiño é unha mostra máis da política deste Goberno municipal a prol da mocidade e dos nenos e das nenas”.

O proxecto busca promover un exercicio de resiliencia para reducir os efectos negativos a nivel psicosocial de estar privada de liberdade, traballando a través do intercambio epistolar e da lectura e da escritura os xuízos e prexuízos dende un punto de vista crítico a través da creatividade, a comunicación e a literatura.