O ioga encheu de deporte e risas a fortaleza de Goián este verán

O ioga encheu de deporte e risas a fortaleza de Goián este verán O Concello puxo ao alcance da infancia un curso de ioga da risa co fin de dar a coñecer os seus beneficios e contribuír a paliar os efectos psicolóxicos da pandemia

O ioga encheu de deporte e risas a fortaleza de Goián este veránAo abeiro da axenda cultural, o Concello de Tomiño encheu este verán de ioga a contorna da fortaleza de Goián, un ámbito incomparable no que á riqueza paisaxística se suma á impoñente arquitectura do antigo forte da época da Guerra da Restauración. Un curso moi especial non só polo seu emprazamento, senón tamén por estar dedicado á infancia e, ademais, por tratarse dun ioga non tradicional, como é o chamado “ioga da risa”.

“O obxectivo era que aprenderan esta disciplina de forma lúdica, descubrindo os beneficios para o corpo e a mente, e que adquiriran estratexias de relaxación para enfrontar situacións de estrés ou ansiedade típicas da época de pandemia e post pandemia que nos toca vivir”, destaca a concelleira de Mocidade e Participación Infantil, Fátima Rodríguez.

Sabine Pfister, nada en Montpellier (Francia) e residente no Rosal, foi a profesora experta encargada de impartir as clases. Agrupadas por idades (de 6 a 12 anos), a maioría das asistentes foron nenas que recibiron nocións de ioga, relaxación e risoterapia.

O método de traballo baseouse no coñecido como ioga da risa. “Tentamos aprender a importancia de rirnos con frecuencia, xa que o cerebro non distingue se a risa é real ou simulada e, entón, se rimos, liberamos dopamina e endorfinas que nos fan sentir mellor. Tamén fomentamos moito os abrazos, e en parella, xa que a colaboración de outra persoa sempre nos axuda a traballar mellor”, explica a monitora.

O fin principal era que conseguiran flexibilizar, fortalecer e aprender a coñecer o corpo, aumentar a autoestima e controlar as emocións. “Eu creo que lles gustou moito, que lles divertiu, xa que utilizamos diferentes metodoloxías, como masaxe con pelotas, xogos de coordinación, de comunicación, de equilibrio, etc…”, asegura.

Diplomada en escolas de ioga Sivananda e Soham, Sabine Pfister completou a súa formación con cursos de quiromasaxe, hixiene para persoas dependentes e ioga da risa, en Castellón. Como ela explica, a risa achega unha sensación de benestar ao liberar endorfinas no organismo. Estas hormonas teñen propiedades analxésicas e reducen a produción da adrenalina e do cortisol xerados pola tensión. Ademais, actúa sobre a dor ao mellorar a oxixenación do cerebro e reducir as tensións musculares e aumenta a produción de neurotransmisores e de glóbulosbrancos, polo que se sofren menos arrefriados, tose e outras infeccións pulmonares.

Pfister ten moitos anos de experiencia dando este tipo de clases na comarca do Baixo Miño e arredores, en Asociacións de Pais e Nais, colexios, asociación de mulleres rurais, clubs deportivos, asociacións de veciños, centros de persoas maiores ou con discapacidade ou a embarazadas, entre outras.

O ioga encheu de deporte e risas a fortaleza de Goián este verán