O mago tomiñés Samuel Moreno estrea no seu municipio ‘Etéreo’, un espectáculo de maxia moderna, fresca e xuvenil O mago tomiñés, semifinalista de Got Talent España 3, estará no auditorio de Goián este sábado 20 ás 20.00 h. Entrada de balde

O mago tomiñés Samuel Moreno estrea no seu municipio ‘Etéreo’, un espectáculo de maxia moderna, fresca e xuvenilO Concello de Tomiño abre este sábado 20 de xaneiro as portas do auditorio municipal de Goián para recibir ao mago tomiñés Samuel Moreno, que escolleu a súa terra natal para estrear o seu espectáculo ‘Etéreo’, unha proposta de maxia moderna, fresca e xuvenil que promete sorprender e facer desfrutar ao público.

O semifinalista de Got Talent España 3 chegará a Tomiño cun innovador espectáculo que recolle todos os sinais de identidade de Moreno: unha proposta interactiva onde a participación do público será clave e no que a fusión de maxia, música, tecnoloxía e humor fará as delicias de nenos, nenas e maiores nun ambiente distendido e divertido. Durante 60 minutos, o público rirá e desfrutará cos trucos deste mago que participou en numerosos festivais de maxia, levando os seus espectáculos por toda España.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, agradece que Samuel Moreno “escolla o seu concello para a estrea deste espectáculo, que sen dúbida nos levará a todas e todos a valorar máis a maxia”. A rexedora anima a toda a veciñanza a participar nesta experiencia única para todos os públicos e gozar dunha tarde en familia cunha proposta que sorprenderá a todas e todos os espectadores.

O espectáculo, con entrada de balde, comezará ás 20.00 horas. O auditorio municipal de Goián abrirá as súas portas ao público ás 19.30 horas.