O mercado acolle a exposición Rutas Artes e Oficios 2019 até o día 17 de xullo A mostra ten coma fin promocionar as actividades programadas durante o verán para coñecer o patrimonio cultural e artístico

O Mercado Municipal acolle dende mañá e até o día 17 de xullo a exposición Rutas Artes e Oficios 2019, que ten coma fin promocionar as actividades de verán programadas para coñecer mellor o patromonio artístico e cultural de Tomiño.

A mostra constará, deste xeito, en paneis explicativos dos percorridos previstos na ruta deas artes e oficios deste ano; a saber, Pazo Valdomiño (11/7), Adega do Vimbio (18/7), Viveiros Nilo (8/8) e Félix, obrador de bombos (22/8). Asemade, darase conta das biografías de Magín Picallo (escultor) e de Pilar Alonso (pintora), os dous artistas que ofrecerán obradoiros de iniciación dos seus oficios, dentro do programa “Creando con”. No Caso de Picallo trátase dun taller gratuito de iniciación ao modelado (29 de xullo ao 2 de agosto), impartido por un dos artistas máis importantes do panorama galego. As persoas que participen deben inscribirse na web do Concello; e ademais de coñecer as técnicas básicas do modelado, visitarán o taller do escultor.

Pola súa banda, Pilar Alonso, pintora viguesa afincada en Tomiño, ofrecerá un curso de iniciación ao debuxo botánico sobre plantas que se dan na beira do Miño ao seu paso pola vila. Será un traballo de campo e pintura con técnica libre. As prazas son tamén limitadas, polo que é necesario inscribirse. Esta actividade terá un custe de 35 euros. Celebrarase durante a fin de semana do 10 e 11 de agosto, para persoas a partir de 16 anos e desenvolverase en “La Casita Roja”, estudo da artista no barrio de Hospital.