O mercado ambulante de Tomiño retoma a súa actividade co 100 % dos postos Na Praza do Seixo continuarán estando os postos de alimentación e produtos agrícolas, e na rúa Daniel Calzado, as demais seccións

O mercado ambulante retomará o vindeiro mércores (15 de xullo) a súa actividade co 100% dos postos que o compoñen. Na Praza do Seixo continuarán estando os postos de alimentación e produtos agrícolas, mentres que os de roupa e outras seccións, se situarán na rúa Daniel Calzado, igual que antes da pandemia. Iso si, haberá que ampliar a superficie para que poidan instalarse gardando as medidas hixiénico-sanitarias establecidas polo “Plan para a transición cara a unha nova normalidade” da Xunta de Galicia

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, salienta a boa disposición do equipo de goberno para permitir a todos os postos asistir ao mercadiño dos días mércores, e pide a colaboración de comerciantes e consumidores para facer posible o cumprimento de todas as medidas de seguridade encamiñadas a evitar posibles contaxios.

Esta reubicación de postos ten carácter provisional, mentres dure esta situación de crise sanitaria, ou se transmitan novas instrucións.

Entre as medidas de seguridade que deberán cumprirse obrigatoriamente, figuran as de usar máscara, tanto os vendedores coma os clientes, e gardar a distancia de seguridade interpersoal.

Durante todo o proceso de atención aos consumidores, deberá manterse a distancia de seguridade entre vendedor e cliente, que poderá ser de un metro, cando se conte con elementos de protección ou barreira; en caso contrario, metro e medio. O uso de máscaras e luvas para manipular os produtos en venda será obrigatorio para os vendedores, e os consumidores non poderán tocalos, polo que terán que estar colocados fora do alcance do público.

Cada posto deberá ter a disposición dos clientes dispensadores de xel hidroalcohólico e o tempo de permanencia no mercado será o estritamente necesario para a adquisición dos produtos.

Os refugallos terán que ser depositados en bolsas dentro dos colectores instalados para ese uso, observando as ordenanzas ou bandos municipais ao respecto.

Os posibles incumprimentos poderán ser sancionados polas autoridades competentes.