Mercado de Outono no Mercado de Tomiño

O Mercado de Outono enche de produtos de tempada e de actividades a Tomiño Organizado pola Asociación de Praceiros do Mercado de Tomiño en colaboración co Concello, celebrarase do 7 ao 10 de novembro

Inclúe charlas sobre cogomelos, demostracións para aprender a facer conservas artesanais, sesión vermú con música en vivo e as IV Xornadas Micolóxicas, con saída ao monte e degustación

O outono chega ao Mercado de Tomiño. A Asociación de Praceiros e o Concello de Tomiño organizan o Mercado de Outono os días 7, 8, 9 e 10 de novembro, catro días dedicados á cociña de outono no que haberá diferentes actividades que xirarán arredor dos cogomelos e dos alimentos de tempada e no que nos postos do mercado poderán mercarse pans especiais, froitos secos, verduras de tempada do Baixo Miño, mariscos, produtos de caza e moito máis.

As actividades arrancarán este xoves 7 da man de Amparo Grandío, de Conservas Petiscos, que será a encargada de realizar tres demostracións para aprender a elaborar conservas artesanais: o xoves 7 de mexilóns en escabeche, o venres 8 de cogomelos ao natural e o sábado 9 de foie grass de fígado de porco. Todas as demostracións serán ás 11.30 h no Mercado de Tomiño e terán entrada libre.

Todas as persoas interesadas nos cogomelos poderán desfrutar de dúas interesantes charlas. O xoves 7 ás 20.30 h da man de María Cabaleiro, micóloga de MycoGalicia Plantae e do laboratorio de Micoloxía da Universidade de Vigo, que descubrirá a todas as persoas asistentes o mundo dos cogomelos. Pola súa banda, o venres 8 (20.30 h), a bióloga especialista en micoloxía do Grupo Micolóxico Galego Luis Freire, Purificación Lorenzo, ensinará ao público cales son os cogomelos tóxicos e posibles confusións.

O sábado pola mañá, ás 13.30 h, o Mercado de Outono contará cunha sesión vermú na que se poderá desfrutar de música en directo.

IV Xornadas Micolóxicas

Ao abeiro do Mercado de Outono celebraranse este ano a cuarta edición das Xornadas Micolóxicas os días 9 e 10 de novembro, con saídas didácticas e degustacións. O sábado 9 ás 09.30 h celebrarase a primeira saída ao monte desde o propio Mercado para recoller cogomelos, saída que rematará ás 13.30 h cunha degustación de cogomelos para todas as persoas participantes. A saída repetirase o domingo 10 no mesmo horario.

Esta actividade ten un custe de 8 euros por persoa e as prazas son limitadas. Todas as persoas interesadas poden facer a súa inscrición e comprar os seus tickets no propio Mercado de Tomiño.

Mercado de Outono no Mercado de Tomiño