O Mercado de Tomiño acada unha axuda de máis de 9.100€ para seguir sendo excelente

O Mercado de Tomiño acada unha axuda de máis de 9.100€ para seguir sendo excelente A Xunta outorgou esta subvención para o financiamento de gastos de mantemento e de mellora da eficiencia enerxética, promoción do comercio e formación dos praceiros e praceiras

O Mercado de Tomiño segue a traballar para manter os estándares asociados ao seu selo de Mercado Excelente e ao mérito de ser a primeira praza de abastos de Galicia en conseguir este distintivo. Neste sentido, o Concello acadou unha subvención de máis de 9.100 euros da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación destinados ao financiamento de gastos de mantemento das instalacións do mercado e á mellora da eficiencia enerxética, así como á promoción do comercio no mesmo e á formación dos praceiros e praceiras, uns custos que durante o 2022 ascenderon a case 12.000 euros.

Esta subvención forma parte das axudas outorgadas en réxime de concorrencia non competitiva postas en marcha pola Xunta de Galicia para o impulso da Rede de mercados excelentes de Galicia e para a dinamización e revitalización das prazas de abastos.

A praza de abastos de Tomiño acadou o selo de Mercado Excelente no ano 2018 pola súa resposta aos retos de modernización e innovación sen perder a súa autenticidade e tradición, así como pola proximidade e o trato personalizado que ofrece á clientela. A imaxe do propio mercado, as instalacións e accesibilidade, a organización e profesionalidade dos praceiros e praceiras, a atención á clientela e prestación de servizos e a implicación e integración do mercado na vida social do concello foron determinantes para conseguir este distintivo.