23 Dec O Mercado Municipal de Goián reabriu as súas portas renovado e especializado en produtos da terra O proxecto de remodelación foi financiado pola Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia e polo Concello de Tomiño
Un mercado renovado e especializado en produtos da terra que funcione como espazo comercial e lugar de encontro da veciñanza. Así é o novo Mercado Municipal de Goián, que abriu as súas portas este sábado 22 de decembro despois de ser remodelado como aposta do Concello de Tomiño polos dos produtos de proximidade. “Trátase dun mercado máis pequeno e máis modesto que o situado na Praza do Seixo, pero responde á vontade do goberno municipal de apostar polos produtores locais e os produtos de calidade, por unha atención profesional directa e personalizada e que axuda a fomentar o autoemprego no eido local”, salientou a alcaldesa de Tomiño, Sandra González.
Tras unha reforma integral realizada polo mesmo equipo que remodelou o Mercado Municipal de Tomiño, recentemente distinguido pola Xunta de Galicia co primeiro Selo de Mercado Excelente de Galicia, este mercado situado no centro da localidade reabriu as súas portas como un espazo comercial no que prima a presenza de produtos da contorna e de alta calidade.
O proxecto foi realizado grazas a financiación da Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia e do propio Concello de Tomiño, no marco das axudas para a creación de Novos Espazos de Emprendemento Comercial (70.000 euros máis 35.500 de achega municipal), e vén colmar as expectativas da poboación desta parroquia que maioritariamente expresou o seu desexo de conservar o antigo mercado, no proceso participativo que o concello puxo en marcha antes da redacción deste proxecto de reforma.
Unha nova oferta chea de sorpresa
Catro postos conforman este novo espazo comercial, catro establecementos que veñen a aumentar a oferta comercial de Goián. Así, o público atoparase no novo mercado municipal os seguintes negocios:
- Alto da Aldea, unha carnicería-chacinaría que comercializa tenreira cachena, porco celta e cabra galega. As carnes proceden de animais criados na parroquia de Goián e transformados en embutidos no propio mercado, no obradoiro deste establecemento.
- A Videira, que pón á venda froitas e verduras cultivadas no Baixo Miño polos propietarios deste negocio, así como doutros vexetais procedentes doutras hortas.
- Peixería Estrela, que conta cun amplo surtido de peixes e mariscos da ría.
- Alce Tendaecolóxica, que ofrece produtos ecolóxicos, de proximidade e a granel, ademais de pequenas degustacións caseiras apostando sempre por unha alternativa máis sustentable.