O novo delegado da Xunta en Pontevedra visita Tomiño A alcaldesa aproveitou a súa visita para transmitirlle o precario estado no que se atopa a atención sanitaria no municipio

 

Este xoves o novo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López Diéguez, estivo de visita en Tomiño onde mantivo unha reunión institucional coa alcaldesa Sandra González para interesarse pola situación da localidade e coñecer de primeira man as demandas do concello, onde estiveron presentes tamén o concelleiro e deputado provincial Uxío Benítez e o concelleiro da oposición, Esteban González.

No encontro, Sandra González transmitiulle como principal prioridade pór fin ao precario estado no que se atopa a atención sanitaria no municipio, situación que se viu agravada no último ano debido á situación de pandemia. No Centro de Saúde de Tomiño a rexedora fixo fincapé na falta de médicos, enfermeiros e demais persoal facultativo, onde destacan especialmente as carencias no servizo de pediatría logo da xubilación dun pediatra e a situación de baixa laboral de outra, solicitando a reposición destas prazas o antes posible. A situación provoca a demora para conseguir unha simple consulta chegue incluso a tres semanas, o que está tendo como consecuencia tamén que sexa o persoal médico o que absorba a frustración e o malestar que a situación está causando na xente.

Do mesmo xeito, a rexedora amosoulle ao delegado o proxecto da biblioteca, para o cal foi aprobado este luns, no pleno municipal, unha modificación de crédito para acometer o derrubo do edificio que se atopa no lugar no que irá construída. “É un proxecto moi ilusionante, que conta co apoio unánime da sociedade tomiñesa e no que van colaborar moitas administracións. Sería unha auténtica mágoa que a Xunta de Galicia fose a única que non colaborase nun dos proxectos máis importantes para Tomiño nos últimos anos”, comentou a alcaldesa.

Outros dos asuntos trasladados a López Diéguez foi a necesidade de mellorar a financiación do Servizo de Axuda no Fogar, un servizo ao cal o Concello aporta unha cantidade cada vez maior malia non ser competencia municipal, ou a urxencia de rematar xa coa concentración parcelaria no municipio, un proceso que leva en execución varias décadas e que aínda non finalizou.