O novo plan Deporemse desenvolverá tres proxectos no Baixo Miño cun importe de 1,4 millóns de euros en Tomiño o plan permitirá mellorar a mobilidade e seguranza viaria na contorna dos equipamentos públicas da Praza do Seixo, cun orzamento de case 670.000 euros

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada do vicepresidente provincial, César Mosquera, presentou os proxectos que se van beneficiar do Plan bianual 2018/2019 de Remodelación e Mellora da Seguridade dos Viarios Municipais, DepoRemse. “Estamos ante un novo impulso de 11 millóns de euros que imos destinar aos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia e que vai permitir reformular as vías municipais de todas as comarcas para que sexan máis seguras e accesibles”, subliñou a presidenta provincial. Carmela Silva asegurou que “hoxe damos conta da resolución dos proxectos que se van beneficiar do DepoRemse e síntome moi satisfeita porque estamos ante unha resolución que ten que ver coas decisións tomadas por persoal técnico da institución provincial atendendo a unhas bases claras e obxectivas, algo que non é habitual noutras administracións”. Neste contexto, a presidenta informou que se presentaron 48 proxectos e que finalmente foron 31 os que se van aprobar, ao dar cumprimento a todos os requisitos marcados nas bases da convocatoria do plan publicadas no Boletín Oficial da Provincia o 13 de abril. “E quero destacar que se aprobaron proxectos en concellos de todas as cores políticas, xa que dez están gobernados polo PP, 9 polo PSdeG, 7 polo BNG e 5 por Mareas e/ou Independentes, o que manifesta a máxima transparencia deste goberno que reparte os recursos atendendo sempre a criterios obxectivos”, aclarou Silva. A presidenta da Deputación recordou que o Plan DepoRemse xorde como un novo instrumento de cooperación centrado no desenvolvemento dunha mobilidade sustentábel que dea prioridade á seguranza e á mobilidade peonil nas infraestruturas viarias. A través deste plan, que segue a política de mobilidade da Deputación de Pontevedra, vanse impulsar proxectos para remodelar rúas e vías municipais a fin de facilitar a comunicación entre os espazos de emprego e de uso social, sanitario ou educativo así como para mellorar aqueles trazados que soportan unha alta densidade de tráfico. Así, o Plan DepoRemse conta con dúas liñas a través das cales se distribúen as subvención entre actuacións para a instalación de pasos sobreelevados e redutores físicos de velocidade (liña 1) e para mellorar a mobilidade e seguranza viaria nas vías e espazos públicos municipais dentro do ámbito ou na contorna de puntos de gran atracción (liña 2).

O goberno de Carmela Silva ten xa comprometido para este ano 7 millóns de euros e outros catro para o 2019 no marco do Plan DepoRemse, que ascende aos 11 millóns de euros. Con esta nova liña de subvencións, tal e como destacou Silva, “nunca en toda a historia da Deputación os concellos da provincia foron tan protagonistas na recepción de recursos da institución provincial”. Neste eido, a presidenta provincial fixo fincapé en que en tres anos de goberno destináronse xa “máis de 300 millóns de euros directamente aos concellos, dos cales 153,2 correspóndense co Plan Concellos, 4 millóns de euros cos préstamos sen xuros, 15 millóns co Plan de Reequilibrio, 11 millóns de euros co Plan DepoRemse, 1,2 millóns de euros do PICEI, 2 millóns de euros a través de solucións tecnolóxicas para os concellos, 5,4 millóns a través do SAIM e outros 25 millóns do ORAL. Todo isto sen contar coas políticas sociais, culturais, coas actuacións en materia de mobilidade, co Plan Revitaliza, etc”. Máis polo miúdo, e en canto aos 31 proxectos que se van aprobar, a presidenta da Deputación informou que na comarca de Pontevedra desenvolveranse cinco proxectos nos que a institución provincial vai investir máis de 1,6 millóns de euros. En concreto en Cuntis vaise remodelar a seguridade viaria do polígono industrial, cun orzamento de 554.625,33 euros dos cales a Deputación achega 499.162 e o concello 55.462 euros; en Barro o proxecto a desenvolver consiste na mellora de seguridade viaria en distintos lugares do concellos por valor de 71.792,04 euros dos que a Deputación aporta 68.202 e o concellos 3.589 euros; en Poio vaise realizar unha actuación integral de mellora da mobilidade e da seguranza viaria na contorna dos centros de elevada atracción da Seara cun orzamento de 588.794,87 euros dos cales a Deputación achega 500.000 e o concello 88.794 euros; en Moraña realizarase unha mellora da mobilidade viaria no entorno dos centros culturais e educativos de Chan de Amil, cun orzamento de 253.013,48 euros dos que a Deputación aporta 227.712 e o concello 25.301; e no caso de Campo Lameiro vaise facer peonil a rúa José Antonio, conexión entre a casa consistorial e a barriada Chanciña, cun orzamento de 386.964,19 euros dos que a Deputación achega 386.964,19 euros e o concello 38.696 euros.

Na comarca do Salnés vanse desenvolver un total de sete proxectos nos que a Deputación de Pontevedra vai investir máis de 2,2 millóns de euros. En concreto na Illa a actuación consiste na reforma do entorno do centro de saúde para unha mobilidade sustentable, cun orzamento de 500.000 euros dos cales 450.000 apórtaos a Deputación e 50.000 o concello; en Meaño vaise remodelar e mellorar a seguridade dos viarios municipais do entorno dos centros educativos de Dena, cun investimento total de 303.819,92 euros dos que a Deputación achega 273.437 e o concello 30.382; no concello de Ribadumia a actuación consiste na mellora da seguridade viaria nos accesos á gardería municipal, ao CPI Julia Becerra, ao pavillón polideportivo e ao campo de fútbol da Bouza, cun orzamento de 186.644,41 dos cales a Deputación aporta 167.979 e o concello 18.664; o proxecto a desenvolver no Grove consiste no calmado de tráfico e mellora da accesibilidade no colexio Rosalía de Castro, por valor de 450.806,34 euros dos que 383.185 achégaos a Deputación e 67.620 o concello; en Pontecesures vaise mellorar a mobilidade e seguranza viaria nas rúas do Castro e Infesta, cun orzamento total de 268.317,09 euros dos cales 241.485 apórtaos a Deputación e 26.831 o concello; no concello de Catoira a actuación consiste na mellora da seguridade dos viarios municipais das parroquias de Abalo, Catoira e Dimo por valor de 484.224,76 euros dos que 435.802 achégaos a Deputación e o concello 48.422; e en Vilagarcía mellorarase de xeito integral a mobilidade e seguridade viaria na contorna do recinto de Fexdega, cun orzamento de 386.683,38 euros dos que a Deputación aporta 309.346 e o concello 77.336. Dous proxectos subvencionados polo Plan DepoRemse vanse desenvolver na comarca do Deza, onde a Deputación de Pontevedra vai investir máis de 880.000 euros. Máis polo miúdo, en Vila de Cruces o proxecto a desenvolver consiste nunha actuación integral de mellora da mobilidade e da seguranza viaria na contorna do CEIP, gardería e polideportivo de Vila de Cruces (liña 2), cun orzamento de 484.261,61 euros dos cales a Deputación aporta 435.835 e o concello 48.426. Pola súa banda, en Silleda vaise mellorar a mobilidade e seguridade viaria no entorno do centro de saúde e do centro social de maiores, cun proxecto que ascende a 498.391,68 euros dos cales 448.552 achégaos a Deputación e 49.839 o concello.

Na comarca de Vigo vanse desenvolver un total de catro proxectos nos que a Deputación de Pontevedra vai investir máis de 1,6 millóns de euros. Neste caso, en O Porriño vaise mellorar a mobilidade e seguridade viaria na rúa Doantes de Sangue e o seu entorno que ascende a 499.815,87 euros dos cales a Deputación achega 424.843 e o concello 74.972; a actuación a desenvolver en Fornelos consiste na remodelación e dotación da praza da Igrexa e rúa das Escolas, cun orzamento de 499.987,79 euros dos que 449.989 apórtaos a Deputación e 49.998 o concello; en Salceda de Caselas vaise actuar para urbanizar o antigo campo da feira da Devesa, cun investimento de 521.070,99 euros dos cales 468.963 achégaos a Deputación e 52.107 o concello; e en Baiona o proxecto a realizar permitirá mellorar a mobilidade e seguridade viaria na Rúa Real Sabarís por valor de 341.319,18 euros dos que a Deputación aporta 290.121 e 51.197 o concello. Tres proxectos vanse desenvolver na comarca do Morrazo, nos que a Deputación vai investir máis de 1,3 millóns de euros. En concreto, en Moaña vaise implantar o eixo de mobilidade amable e segura de interconexión dos centros urbanos de Moaña e Cangas, cun orzamento de 575.000 euros dos cales 488.750 apórtaos a Deputación e 86.250 o concello; en Cangas tamén se beneficiará deste plan o mesmo proxecto de mobilidade amable e segura de interconexión dos centros urbanos de Cangas e Moaña, que ascende a 600.000 euros dos cales 480.000 apórtaos a Deputación e 120.000 o concello; e en Bueu vaise reurbanizar de xeito integral a rúa A Pedra, por valor de 416.108,59 euros, dos que 353.692 achégaos a Deputación e o concello 62.416. Na comarca do Baixo Miño vanse desenvolver un total de tres proxectos nos que a Deputación de Pontevedra vai investir máis de 1,4 millóns de euros.

Máis polo miúdo, en Tomiño o plan permitirá mellorar a mobilidade e seguranza viaria na contorna dos equipamentos públicas da Praza do Seixo, cun orzamento de 669.009,59 euros dos cales a Deputación achega 500.000 e o concello 169.009; na Guarda o proxecto a desenvolver consiste na mellora da mobilidade e seguridade no entorno da Rúa Vigo e Celta, cun valor de 588.235,29 euros dos cales 500.000 apórtaos a Deputación e 88.235 o concello; e en Tui vaise realizar a mellora da seguridade viaria no núcleo da Torre en Paramos, cun orzamento de 499.815,97 euros dos que a Deputación achega 424.843 e o concello 74.972. Sete proxectos subvencionados polo Plan DepoRemse se impulsarán nas comarcas do Condado e da Paradanta, onde a Deputación de Pontevedra vai investir máis de 1,7 millóns de euros. Neste caso en Ponteareas vaise desenvolver un proxecto de reordenación e integración urbana da contorna da piscina e do centro deportivo municipal, e mellora da accesibilidade ao centro de saúde e espazos públicos anexos, cun orzamento de 526.614,11 euros dos que 421.291 achégaos a Deputación e 105.322 o concello; en Mondariz a actuación consistirá na mellora da mobilidade e seguridade viaria na contorna do centro urbano e de equipamentos, cun valor de 239.995 euros dos cales 215.995 apórtaos a Deputación e 23.999 o concello; o proxecto nas Neves centrarase na mellora da seguridade da mobilidade e seguranza viaria na rúa Rosalía de Castro e a súa contorna, que ascende a 365.194,66 euros dos cales a Deputación achega 328.675 e o concello 36.519; en Salvaterra vaise mellorar a seguridade viaria mediante pasos peonís sobreelevados en vías do concello, cun orzamento de 178.265,5 euros dos cales a Deputación aporta 169.352 e o concello 8.913; na Cañiza realizarase a mellora da seguridade viaria e humanización do entorno do CPI da Cañiza, por valor de 107.647,15 euros dos que 96.882 achégaos a Deputación e 10.764 o concello; en Crecente actuarase para a mellora integral de mobilidade e accesibilidade nos accesos ao CPI, á residencia da terceira idade, ao centro de saúde e outros, cun orzamento total de 500.000 euros dos cales a Deputación destina 450.000 e o concello 50.000; e en Covelo a actuación a desenvolver consiste na mellora da seguridade dos viarios municipais, cun investimento de 91.323,46 euros dos cales a Deputación aporta 86.757 e o concello 4.566 euros. Todos os proxectos aprobados, tal e como informou a presidenta da institución provincial, correspóndense con obras completas que melloran a calidade de vida da veciñanza, dan cumprimento á normativa vixente sobre seguridade viaria, foron aprobados polo órgano competente do concello e contan con terreos de titularidade municipal. Amais, para a valoración de todos eles, tamén se tiveron en conta criterios como a poboación, a extensión da rede viaria municipal, a densidade de poboación e a calidade e madurez dos proxectos. Pola súa parte, o Vicepresidente da Deputación, César Mosquera cualificó os resultados do Plan Deporemse de “espectaculares” e expresou a súa satisfacción ante esta iniciativa “que era todo un reto porque estamos abrindo novos camiños e agora podemos dicir que este plan marca un antes e un despois, polo que estou francamente satisfeito”. Mosquera sinalou que “é a primeira vez que a Deputación financia preferentemente proxectos que estean ben traballados, ben pensados ben estruturados… polo que teño que agradecer aos concellos que se preocuparan de facer bos proxectos que mellorarán a vida dos seus veciños. En xeral, dixo, a calidade dos proxectos é brillante. Fai uns anos resultaría imposible que chegasen proxectos así que puidéramos aprobar”. O Vicepresidente coincidiu coa presidenta en que “nunca a Deputación de Pontevedra transferiu tantos cartos aos concellos da provincia como o estamos a facer desde a nosa chegada ao Goberno.”