O Orzamento Participativo Transfronteirizo Cerveira-Tomiño obtén en Portugal, o premio Autarquía Ano 2020 O Lisbon Awards Group concedeu ao municipio de Vila Nova de Cerveira o galardón na categoría “Democracia, Igualdade e Participación Cívica"

O Lisbon Awards Group concedeu ao municipio de Vila Nova de Cerveira un premio na categoría “Democracia, Igualdade e Participación Cívica – Orzamento Participativo” na 1ª edición do Premio Autarquía do Ano, co proxecto ‘Participación pública sen fronteiras’ (Orzamento Participativo Transfronteirizo – OPT Cerveira-Tomiño).

Con carácter pioneiro na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, o OPT Cerveira-Tomiño implementouse en 2017, integrando un proxecto máis amplo de participación das poboacións veciñas de Vila Nova de Cerveira e Tomiño na definición de solucións para necesidades comúns, a través dunha Axenda Estratéxica de Amizade para a Cooperación Transfronteiriza Cerveira-Tomiño.

Con catro edicións concretadas, o OPT Cerveira-Tomiño xa ten oito proxectos executados e dous aínda pendentes debido á realidade mundial máis recente provocada pola pandemia da Covid-19. Dotado cun orzamento total de 20 mil euros, desde a primeira edición (2017), o impacto deste mecanismo de participación pública sen fronteiras supera calquera investimento financeiro ou físico, xa que a súa esencia consiste na realización de actividades conxuntas, buscando unha maior cohesión social e un maior desenvolvemento económico a través da cooperación entre os dous municipios.

Premio Autarquía do Ano, Lisbon Awards Group

O Premio Autarquía do Ano, do Lisbon Awards Group, naceu co obxectivo de apoiar aos concellos e freguesías que destacan, nas súas diferentes áreas, polas súas prácticas innovadoras e de xestión rigorosa do interese público. Os gañadores das distintas categorías foron coñecidos este xoves nunha cerimonia que, debido a condicionantes derivados da Covid-19, tivo lugar a través de plataformas dixitais.

Perante a consecución deste premio, o Concello de Tomiño quixo transmitir os seus parabéns aos veciños de Cerveira polo galardón obtido, alén de expresar unha inmensa gratitude por formar parte deste proxecto de cooperación internacional entre os dous municipios. Segundo a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, “recoñecementos coma este animan a seguir tecendo lazos e construíndo pontes para mellorar a vida da veciñanza”.