08 Feb “O pensamento crítico e a curiosidade son as claves para enfrontarse ás fake news, á intelixencia artificial e ao futuro”
Rocío Vidal, La Gata de Schrödinger, avogou na IX Semana da Educación pola alfabetización científica para axudar a infancia, mocidade e adultos a enfrontarse a unha sociedade dixitalizada
“Para ben ou para mal, coas redes sociais todo o mundo ten un altofalante á súa disposición e iso é o campo de abono perfecto para a proliferación de fake news e para fomentar a escravitude do clic”. Así de contundente se amosou Rocío Vidal, La Gata de Schrödinger, durante a terceira xornada da IX Semana da Educación, na que a xornalista e divulgadora debullou ante o público a necesidade dun pensamento crítico para sobrevivir nun mundo de ‘infoxicación’. “A ciencia e a curiosidade son as claves para enfrontarse ás fake news, á intelixencia artificial e ao futuro”, recalcou.
Con interesantes xogos nos que comprobou o ollo adestrado do público para detectar informacións e imaxes falsas, Rocío Vidal explicou a importancia de achegarse ao mundo dixital dun xeito prudente ante unha realidade “que sen dúbida nos preocupa”. E fíxoo con datos concretos. “O 64% das persoas que se radicalizan en Facebook por exemplo é a causa do algoritmo, que cada vez van amosando cada vez contido máis extremo”, explicou.
Todo isto, unido á imaxe irreal da vida que se amosan nas redes, a divulgación de pseudoterapias ou ás IA replicando os sesgos humanos “pode acabar xerando moita confusión”. “Xa non se pode confiar en nada, nin nos nosos propios sentidos. Por iso é tan importante a alfabetización científica, fomentar o coñecemento e aprender a discriminar o real do irreal. E aí o pensamento crítico e a responsabilidade social e individual son as chaves”, recalcou. “Demonizar a situación actual é un craso erro, o que necesitamos son ferramentas excepcionais para afrontar un panorama excepcional”, rematou.
Rocío Vidal dedícase á divulgación científica e do pensamento crítico e traballa para desmontar mitos e timos pseudocientíficos sobre temas moi variados a través de vídeos entretidos e educativos. Xornalista cun mestrado en Comunicación Científica pola Universidade de Barcelona fundou a súa canle de YouTube co obxectivo de tentar fomentar a curiosidade do público, difundir a cultura científica e ensinar a combater a desinformación. É autora tamén dos libros ‘Que lle dean á ciencia’ e ‘Eureka’, colabora con diferentes medios de comunicación e presentou dous programas de temática científica dirixidos por RTVE como ‘Science Truck’ e ‘What!? Tú cómo lo ves’.