O pleno municipal de Tomiño mostra o seu apoio ao IES Antón Alonso Ríos na súa demanda dunha segunda especialista en Pedagoxía Terapéutica O Concello comprometeuse tamén a dar traslado á Xunta da necesidade deste segundo docente

O goberno de Tomiño levou onte ao Pleno Municipal unha moción de apoio ao IES Antón Alonso Ríos na súa solicitude dunha segunda especialista en Pedagoxía Terapéutica. O centro conta actualmente cunha matrícula de 590 alumnos e alumnas, un número en crecemento exponencial acorde ao perfil demográfico do Concello. Este incremento ten suposto novas necesidades para o centro. Como amosa o proxecto de ampliación das súas instalacións que está a piques de executar a Xunta de Galicia.

Sen embargo, e pese a evidencia de que a un maior número de alumnado demanda dun mellor servizo, o IES Antón Alonso Ríos leva dous cursos sen unha 2ª especialista en Pedagoxía Terapéutica. Un segundo docente de apoio individualizado ao alumnado con necesidades específicas do que dispuña até o curso 2020-21. É dicir, que o centro sufriu un recorte en vez dun incremento a pesares de ir medrando en demanda.

Dende a dirección, o claustro e a comunidade educativa fixéronse as xestións correspondentes para a súa solicitude, tanto no curso pasado coma no presente curso, co visto bo do equipo específico de orientación e co inspector da zona, mais non recibiron resposta algunha.

Ante esta situación, o consello escolar municipal acordou levar ao pleno municipal a situación e as necesidades urxentes coas que conta o centro educativo tomiñés. Finalmente, na xornada de onte, o Pleno do Concello de Tomiño mostrou o seu apoio a solicitude do IES Antón Alonso Ríos para a concesión da segunda especialista en pedagoxía terapéutica. A alcaldesa Sandra González confirmou tamén “o compromiso do Concello para trasladar á Xunta de Galicia a necesidade deste segundo docente para que IES Antón Alonso Ríos poida atender todas as necesidades que o alumnado tomiñés precisa”.