O programa ‘Coidados porta a porta’ regresa este mes a Tomiño

O programa ‘Coidados porta a porta’ regresa este mes a Tomiño A unidade móbil estará no torreiro do Alivio os días 26, 29, 30 e 31 para prestar de balde servizos de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria a maiores de 55 anos

Completarase cunha charla sobre o coidado do oído o martes 30 de maio ás 19.00 h no salón de plenos do Concello

Tomiño acolle este mes de maio unha nova visita do programa ‘Coidados porta a porta’, unha iniciativa posta en marcha pola Xunta con fondos europeos ao abeiro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia co que achegar de balde servizos de podoloxía, audioloxía e estumulación da memoria a persoas maiores de 55 anos que viven no rural.

Deste xeito, os vindeiros 26, 29, 30 e 31 de maio, unha unidade móbil instalarase no torreiro do Alivio de 09.00 a 20.00 horas para pasar consulta destas tres especialidades. As persoas interesadas en participar neste programa deben solicitar cita previa a través dos teléfonos 622 748 283 ou 623 546 992 ou enviando un correo electrónico ao enderezo coidadosportaaporta.politicasocial@xunta.es.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, anima a toda a poboación maior de 55 anos do municipio a participar neste programa, destinado especialmente a efectuar revisións e valoracións auditivas, atención podolóxica para prevención e tratamento das principais patoloxías e realización de probas de valoración cognitiva para a prevención de doenzas como o Alzheimer ou demencias dexenerativas.

Por outra banda, para completar esta visita, o vindeiro martes 30 de maio o salón de plenos do Concello acollerá a charla ‘Coidado do oído e prevención de complicacións’, un encontro impartido pola persoa responsable do servizo de audioloxía da unidade móbil do programa ‘Coidados porta a porta’. A charla será ás 19.00 horas con entrada de balde.