O programa ‘Deporte para todas as persoas’ retoma as súas actividades conxuntas en Tomiño e Cerveira As actividades deportivas estarán en marcha hasta o mes de novembro, con pa-rada estival en agosto. Prevese que o programa acolla tamén unha andaina e un evento polideportivo

A Eurocidade Cerveira-Tomiño reinicia este mes de febreiro as actividades do seu programa ‘Deporte para todas as persoas’, un programa de actividades deportivas gratuítas que se levan a cabo en equipamentos dos dous concellos ata final de ano e que inclúe tres variedades de actividades: piscina en familia, actividades para maiores de 55 anos e a práctica de diversas modalidades deportivas en parroquias de Tomiño e IPSS de Cerveira.

Este programa de actividades iniciouse en setembro de 2018 e estará aberto ata novembro deste ano, agás no mes de agosto, no que se fará un parón estival. Ademais, ambos os dous municipios prevén completar este programa deportivo coa organización ao longo do ano dunha andaina e dun evento polideportivo.

Todas as persoas interesadas en participar nalgunha das actividades e que aínda non se inscribiron poden rexistrarse vía online, cubrindo o seguinte formulario de inscrición, ou de forma presencial na oficina de Cooperación Transfronteiriza, situada no segundo andar do Concello de Tomiño (Praza do Seixo). Máis información no teléfono 986 18 45 98, en horario de 08.00 a 15.00 horas.

Estas actividades deportivas que invitan aos veciños e veciñas dos dous municipios a compartir prácticas saudables forman parte da Axenda Estratéxica para a Cooperación Transfronteiriza Amizade Cerveira-Tomiño, un proxecto cofinanciado ao 75% polo Programa INTERREG VA POCTEP, fondos FEDER da Unión Europea.

 

Actividades e horarios

PISCINA EN FAMILIA na piscina municipal de Vila Nova de Cerveira. Natación e iniciación ao medio acuático para nenas e nenos de 3 a 12 anos acompañados dun familiar. A actividade comezará o 2 de febreiro e realizarase os primeiros sábados de cada mes cun novo horario, ás 18.45 h (hora galega). Hai prazas limitadas, unha vez cubertas abrirase lista de agarda por orde de inscrición.

ACTIVIDADES DEPORTIVAS PARA MAIORES DE 55 ANOS. Todos os martes ás 10.30 h (hora galega) en Vila Nova de Cerveira e os xoves ás 10.00 h (hora galega) no local da Asociación Vontade de Tomiño. A actividade retomarase o martes 5 de febreiro.

 

 

 

 

PRÁCTICA DEPORTIVA EN PARROQUIAS DE TOMIÑO. Clases de pilates, ximnasia, zumba, fitness e actividades afíns en función das preferencias e características das persoas asistentes. A actividade retomarase a partir do vindeiro 7 de febreiro e celebrarase os xoves ás 11.30 h na Casa de Cultura de Tomiño. En función da demanda prevese abrir e organizar novos grupos en Goián, Tebra e Sobrada os mércores ás 11.30 h e os venres ás 11.30 h.