O programa É Aprender reactiva a súa web co material realizado polo alumnado participante Nesta páxina recollen os traballos feitos polos propios rapaces e rapazas para achegarse a temas como o acoso, o cambio climático, a música ou o deporte

O programa É Aprender continúa co seu traballo co alumnado de Tomiño para mellorar as súas capacidades, habilidades e rendemento escolar, nesta ocasión implicando aos rapaces e rapazas na difusión do que se traballa en cada sesión. A través da súa páxina web eaprenderblog.wordpress.com os responsables do proxecto achegan á cidadanía os temas nos que se afondaron coas e cos participantes, reactivando o blog á vez que fan visibles tamén os seus traballos dos nenos e nenas.

Cada sesión do É Aprender “é un fervedoiro de ideas onde aprendemos desde o descubrimento e reflexionamos sobre distintos temas que nos preocupan e que están de actualidade”. Así, ao longo deste curso irán compartindo nese blog os avances e actividades realizadas ao abeiro do programa, uns contidos que irán divididos en temas de actualidade sobre os que se está afondando, entrevistas a persoas de interese, as actividades do programa para dar a coñecer en detalle todo o que se fai e o espazo creativo, con todos os debuxos ou redaccións dos nenos e nenas que participan.

Ata o  momento, no blog xa se poden ver as redaccións dos rapaces e rapazas sobre música falando da música de bandas e do hip hop ou sobre gustos literarios, coas recomendacións dos seus libros favoritos, así como debuxos nos que se reflexiona sobre o acoso e o cambio climático ou nos que comparten os seus gusto polo deporte.

Programa É Aprender

O programa É Aprender do Concello de Tomiño chega este ano a súa quinta edición dando un paso máis na implicación de todos os axentes relacionados coa educación dos rapaces e rapazas, dende as familias ata o centro escolar, pasando polos Servizos Sociais municipais en caso de ser necesario.

O programa arrancou este ano unha fase de reunións trimestrais da educadora social, a psicóloga e a mestra coas familias dos e das participantes para facer unha avaliación de cada alumno e alumna, o que permite ter unha atención individualizada adaptada ás necesidades de cada neno e nena e facendo este programa moito máis útil. Estas xuntanzas complétanse cunha posta en común cos outros dous axentes implicados na educación dos menores, os centros escolares e os Servizos Sociais municipal naqueles casos que veñan derivados do programa de educación familiar municipal.

Un 20% máis de inscritos

Este curso 2017/2018 inscribíronse no programa 58 nenos e nenas, un 20% máis que na edición anterior. Ademais, fronte aos seis grupos do ano pasado, nesta edición organizáronse oito grupos en seis parroquias diferentes distribuídos da seguinte forma: na parroquia de Currás hai un grupo de primaria con 9 nenos e nenas; na de Piñeiro un de secundaria con 5 mozos e mozas e nas de Barrantes e Estás un grupo de primaria e secundaria simultáneo, con 8 e 5 rapaces e rapazas respectivamente. Pola súa banda, en Tomiño e Goián hai un grupo de primaria e secundaria diferenciados, con 5 e 7 nenos na primeira parroquia e con 12 e 5 na segunda.

As cifras deste ano melloraron de forma significativa dende o curso pasado, xa que incrementouse en máis dun 39,2% o número de participantes iniciais, pasando de 46 no curso 2016/2017 a 56 no actual. O prazo de inscrición para participar neste programa non pecha, polo que todos os mozos e mozas dende 5º de primaria a 2º da ESO e o alumnado de FP básica censados en Tomiño poden anotarse enchendo un formulario de inscrición e entregándoo en Servicios Sociais e Cultura, no Concello ou nos propios centros educativos ou envialo por correo electrónico a aprender.tomino@gmail.com.