Os produtos da tomiñesa Angulas Río Miño, protagonistas no quinto aniversario de Parte de ti

O proxecto tomiñés Angulas Río Miño, protagonista no quinto aniversario de Parte de ti Trátase dunha campaña de apoio ao rural de EuRural e Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño baseada nas historias dos profesionais que cos seus produtos e servizos transforman o rural

Parte de ti celebra o seu quinto ano e continúa dando a coñecer as grandes historias que hai detrás dos produtos e servizos da nosa contorna. Trátase dunha campaña enfocada a sensibilizar, concienciar e informar baseándose nas historias dos profesionais que ofrecen os seus produtos e servizos no rural.Cada unha destas historias cóntase en forma de vídeo para achegar a realidade do rural ao espectador.

A presentación tivo lugar está mañá ás 11:30 horas na Abadía do Pelouro e contou coas intervencións de Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui e Ana Núñez, a tenente alcalde;  da representante institucional do xeodestino da Ría de Vigo e Baixo Miño, e alcaldesa de Oia, Cristina Correa Pombal; da presidenta da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural e alcaldesa de Tomiño, Sandra González Álvarez; do delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera Ocampo e de Antía Vargas, Uxía Benlloch e Nuria Benlloch, as protagonistas da historia que abrirá a campaña e que levan a cabo o seu proxecto Las flores de Greta.

Durante a rolda proxectouse o vídeo de presentación da campaña e unha das historias, a de Nuria Benlloch, Uxía Benlloch e Antía Vargas (https://partedeti.eurural.gal/historias/nuria-benlloch/) de Las flores de Greta, un proxecto no cal traspasan os pigmentos naturais das follas e flores a tecidos de orixe orgánica mediante o ecoprint, un proceso artesanal que utiliza as cores da natureza creando pezas únicas cheas de vida.

Ademais da historia de Las flores de Greta (Gondomar) presentaranse ao longo da campaña outros proxectos como o tomiñés Angulas Río Miño, A tenda do avó (Redondela), La parabólica (O Porriño), Taller de Dulces Óscar Romero (Tui), La casa taller (A Guarda) , Lorena Luthier (Soutomaior), Papelier (Baiona) e Mel Niño do Corvo (O Rosal).

Poderanse visualizar estes vídeos na web  https://partedeti.eurural.org/ e nas redes sociais de Eurural (@eurural_gdr14) .

A Asociación de Desenvolvemento (Galicia Suroeste Eurural) é unha entidade sen ánimo de lucro formada por todo o tecido asociativo que hai nos concellos de Fornelos de Montes, Pazos de Borbén, Redondela, Mos, O Porriño, Tui, Tomiño, O Rosal, A Guarda, Oia, Baiona, Nigrán e Gondomar máis os propios concellos e entre todos encárganse de elaborar unha estratexia de desenvolvemento rural para todo o territorio. Esta mesma entidade xestiona o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño no que incorpora nas súas actividades ao concello de Soutomaior.

O proxecto forma parte das medidas de animación e promoción territorial da Submedida Leader 2014 – 2020 do PDR de Galicia, que xestiona o GDR a través dun convenio de colaboración coa Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, e cuxa financiación procede nun 75% da Unión Europea a través do Feader, nun 2,5% do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e nun 22,5% da Xunta de Galicia a través da Consellería do Medio Rural. Nesta edición o proxecto tamén se financia en parte a través do convenio de colaboración entre o xeodestino e Turismo de Galicia.