O punk filarmónico de Fanfarra Káustica toma as rúas de Tomiño

O punk filarmónico de Fanfarra Káustika toma as rúas de Tomiño O grupo portugués protagoniza este sábado 22 unha nova sesión do ciclo O Son das Prazas

Este programa leva a música a espazos abertos poñendo en valor as prazas como lugar de encontro

Tomiño prepárase para que a música tome as súas rúas esta fin de semana. Este sábado 22 o grupo luso Fanfarra Káustika será o protagonista dunha nova sesión do ciclo O Son das Prazas, un programa musical co que o Concello saca a música ao aire libre e pon en valor as prazas como lugar de encontro e lecer para a veciñanza, devolvendo dun xeito integral os espazos públicos para as persoas.

A Praza do Seixo acollerá dende as 22.30 horas a actuación desta banda ao estilo das fanfarrias balcánicas nada en Águeda, un grupo electrizante que fusiona varias sonoridades e estilos de xeito único e innovador. Unha mestura de escolas, xéneros e linguaxes musicais que culmina nun espectáculo itinerante co que o público desfruta dunha verdadeira viaxe sonora.

Na súa composición musical, a sección rítmica está fortemente influenciada pola música electrónica, mentres que as melodías levan ás e aos espectadores cara ao erudito, onde predominan estilos como o jazz e o sinfónico. O acompañamento encádrase no psicodélico e minimalista.