‘O Son das Prazas’ trae a Tomiño a Xosé Lois Romero & Aliboria, un dos máximos renovadores da música de raíz ibérica

‘O Son das Prazas’ trae a Tomiño a Xosé Lois Romero & Aliboria, un dos máximos renovadores da música de raíz ibérica

Chegará este sábado 15 de xullo ás 22.30 h á Praza do Seixo ao abeiro deste ciclo de música que busca poñer en valor as prazas como lugar de encontro e sacar a música á rúa

Tomiño continúa co seu percorrido ao Son das Prazas, un ciclo co que o Concello saca a música á rúa para desfrute de todos os públicos e que pon en valor as prazas como lugar de encontro, especialmente despois das súas renovacións, devolvendo os espazos públicos para as persoas.

Este sábado 15 de xullo será a quenda de Xosé Lois Romero & Aliboria, que chega co seu espectáculo á Praza do Seixo para conquistar ao público cunha extraordinaria posta en escena e cunha frescura sen igual.

A partir das 22.30 horas e con entrada de balde, as persoas asistentes poderán desfrutar dos ritmos e melodías que producen un profundo ‘latexo’ no público. Un proxecto que busca ser un revulsivo catalizador para amosar un xeito absolutamente salvaxe e orixinal de acometer a música tradicional galega: a través de unicamente un coro de voces femininas e percusión tradicional, reinventando as ferramentas para facer música.

Un dos máximos renovadores da música de raíz ibérica, Xosé Lois Romero & Aliboria desembarcan en Tomiño co seu segundo álbum, no que manteñen o pulso tribal e o ritual á vez que resignifican os códigos da música folk galega.

Actuación ao abeiro do ‘Musigal’, un programa da Deputación de Pontevedra para a difusión e a promoción da música galega e en galego.