O talento e a innovación de Simant Dúo na segunda cita de Música&Románico en Tomiño

O talento e a innovación de Simant Dúo na segunda cita de Música&Románico en Tomiño Será este venres 12 de xullo ás 20.30 horas na igrexa de Santa María de Tomiño

A música segue percorrendo o románico tomiñés con intérpretes de luxo. Tomiño acolle unha nova sesión do seu Música e Románico con Simant Dúo como protagonista, un dueto composto polo trompetista internacional e Premio Europeo da Cultura Rubén Simeón e o talentoso pianista e catedrático Antonio Morant.

Unha combinación de talento, innovación e paixón que garante un espectáculo imprescindible nun escenario único, a igrexa de Santa María de Tomiño. O concerto, aberto a todos os públicos, promete unha actuación de altura na que Simant Dúo desafiarán de novo as barreiras musicais cunha interpretación única e audaz. A actuación será este venres 12 de xullo a partir das 20.30 horas con entrada de balde.

O Concello de Tomiño puxo en marcha unha nova edición do Música e Románico, un ciclo musical que durante o mes de xullo achegará ao público a concertos en xoias únicas do século XII. Como explica a alcaldesa, Sandra González, “enchemos o noso verán de lecer, pero tamén de moita cultura, poñendo de relevo tamén o noso patrimonio e gozando del dun xeito especial e diferente”. Por este motivo, a rexedora convida a toda a veciñanza a participar nesta nova cita que cada semana enche de vida os templos románicos tomiñeses.