O TEIXUGO MANUEL OCHOA NO EQUIPO NACIONAL SUB-23 DE K1 Dos once deportistas galegos que conseguiron entrar nestes selectivos, tres eran do Club Deportivo Miño-Teixugos: Brais Castro e Luís Fernández en canoa, e Manuel Ochoa, en kaiak

Desde o 26 de abril ao 5 de maio, a federación española xunto coa francesa fixeron os selectivos para conformar os seus equipos nacionais. Foron catro as probas as que tiveron que facer fronte os mellores deportistas españois e franceses de cada modalidade. As dúas primeiras probas celebráronse na canle da Seu DÚrgell  do 26 ao 28 de abril, e as dúas seguintes na localidade francesa de Pau do 1 ao 4 de maio. Para os atletas senior e sub-23 sumáronse os tres mellores resultados, descartándose o peor, para os júnior os dous mellores, descartando outros dous.

Once foron os representantes galegos que conseguiron entrar nestes selectivos, dos cales tres eran do Club Deportivo Miño-Teixugos: Brais Castro e Luís Fernández en canoa e Manuel Ochoa en kaiak.

Foron uns selectivos difíciles, con moitos resultados sorprendentes, nos que deportistas que partían como favoritos estiveron a piques de quedarse fóra. Os teixugos puxeron todo da súa parte e deron o mellor de si, pero no slálom o máis pequeno fallo págase caro.

Brais Castro conseguiu facer unhas baixadas bastante correctas, pero algo lentas que o deixaron fora do equipo español.

Luís Fernández tivo unha competición bastante irregular, unha primeira baixada mala, cunha penalización de 50 segundos, as dúas seguintes moi boas, facendo final nas dúas, e xa no último día, un pequeno fallo que o árbitro non pasou por alto, deixouno fóra do equipo nacional sénior e sub-23 por primeira vez en moitos anos. Luís e Brais terán posibilidade de repesca para o equipo sénior no Campionato de España de Slálom a celebrar no mes de agosto.

Manuel Ochoa tamén comezou con mal pé, cunha penalización  de 50 segundos que o deixaron nos últimos postos. Na segunda proba fixo a súa mellor baixada, gañando a final B, na terceira foi correcto pero lento e xa na cuarta tamén acadou final B. Estes resultados deixárono fóra da selección sénior pero permítenlle facerse cunha das tres prazas do equipo nacional sub-23 de K1 xunto co segoviano David LLorente e o vasco Unai Nabaskues. Este é o segundo ano consecutivo que o teixugo se fai cun lugar no equipo nacional sub-23 de kaiak, sendo o primeiro e único galego que forma parte do equipo español na modalidade K1. No mes de xullo Manuel acudirá ao Campionatos do Mundo e de Europa júnior e  sub-23 a celebrar en Cracovia e Liptovsky, respectivamente.

Xunto con Manuel, outros dous galegos, os dous do Penedo Te Importa de Tui, acadaron praza, Daniel Pérez formará parte da selección española júnior en C1 e Ainhoa Lameiro, a gran revelación destes selectivos, acadou unha histórica praza no equipo de C1 feminino sénior e tamén no sub-23, sendo a primeira deportista galega en conseguilo.

Información: Rosa Fdez. Carrera.