O tomiñés David Domínguez, prata en dobres na Copa Promoción do Bádminton escolar Xogade Outros dous xogadores de Tomiño, Hugo e Bruno, quintos por equipos co Club Bádminton Tui na Liga Galega de Clubs Sub-15

As e os deportistas tomiñeses seguen a colleitar éxitos en distintas modalidades deportivas, nesta ocasión o bádminton. O tomiñés David Domínguez conseguía esta fin de semana a segunda posición en dobres xunto a Guillermo Valdés na Copa de Promoción do Bádminton en Idade Escolar-Xogade, disputada en Mondariz. O deportista tomiñés, xogador do Club Bádminton Tui nas categorías benxamín e infantil, disputaba unha liguilla fronte a outras cinco parellas e conseguía unha meritoria segunda posición tras perder soamente un partido fronte ao equipo de Ponteareas.

Pola súa banda, outros dos xogadores de bádminton tomiñeses do club tudense, Hugo e Bruno, quedaban en quinto posto por equipos na Liga Galega de Clubs Sub-15 disputada na Estrada a pesar de todas as circunstancias adversas que tiveron que enfrontar.

O responsable de Deportes do Concello de Vigo, Ismael Troncoso, amósase orgulloso do bo quefacer dos deportistas tomiñeses e dos seus compañeiros e quere felicitar publicamente aos integrantes do Club Bádminton Tui polo gran papel desempeñado esta fin de semana nas distintas competicións, así como animalos a continuar traballando para colleitar novos éxitos.