O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño segue impulsando o turismo no territorio con proxectos conxuntos

O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño segue impulsando o turismo no territorio con proxectos conxuntos

Setembro será un mes de grandes compromisos coa presentación do inventario de recursos turísticos, a estrea da nova imaxe do Xeodestino e a visita de autoridades para coñecer tres iniciativas postas en marcha

O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño continúa o seu firme avance na implantación de proxectos turísticos conxuntos, cunha clara aposta pola posta en valor dos seus recursos naturais e patrimoniais. Alcaldesas, alcaldes, concelleiras e concelleiros dos 13 concellos implicados no Plan de Sostibilidade Turística en Destino ‘A Despensa de Galicia’ (A Guarda, Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Mos, Nigrán, O Porriño, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Redondela, Tomiño e Tui) reuníronse na Guarda para facer balance das actuacións realizadas ata o momento e coñecer as accións que se levarán a cabo nas vindeiras semanas.

Setembro será un mes de moita actividade. O vindeiro día 16 darase un paso máis neste camiño coa presentación do inventario de recursos turísticos do territorio realizado, unha ferramenta que permitirá contar con información para establecer as prioridades de traballo nos ámbitos relacionados cos miradoiros, as rutas de sendeirismo e o cicloturismo, que reflicte o compromiso dos concellos coa promoción dun turismo sostible.
Ademais, o Xeodestino está a ultimar os detalles da renovación da súa marca, un proceso que se leva desenvolvendo nos últimos meses e que culminará coa presentación da nova imaxe oficial a finais deste mes.

Por outra banda, ao abeiro dunhas xornadas técnicas e formativas sobre os Plans de Sostibilidade Turística en Destino que se celebrará en Santiago de Compostela nos días previos, o vindeiro 20 de setembro o territorio acollerá unha visita para dar a coñecer a autoridades e persoal técnico algúns dos proxectos que se están a levar a cabo dentro do PSTD ‘A Despensa de Galicia’.

O PSTD ‘A Despensa de Galicia’ forma parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), a estratexia formulada polo Goberno de España para acelerar a recuperación social e económica tras a pandemia da COVID-19 e que conta co apoio e o financiamento da Unión Europea a través do programa NextGenerationEU.