Obradoiro de relacións afectivo-sexuais para a mocidade de Tomiño A actividade será impartida por profesionais da empresa "IGUALADAS" no mes de xullo, pero é preciso inscribirse previamente

Tomiño organiza a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), o obradoiro “Así si: relacións afectivo-sexuais sans”, dirixido á mocidade adulta e á adolescencia.

A actividade será impartida por profesionais da empresa “IGUALADAS” no mes de xullo, pero é preciso inscribirse previamente, a través da páxina web do Concello (https://tomino.gal/asi-si-obradoiro-sobre-relacions-afectivo-sexuais-sans).

Entre os obxectivos principais da actividade figuran os de replantexarse (e rachar con eles) os estereotipos e roles de xénero; valorar as novas masculinidades e as diferentes formas do feminino; rexeitar a cosificación e hipersexualización dos corpos femininos, desmitificar crenzas erróneas sobre sexualidade; identificar relacións baseadas en desigualdades e comportamentos abusivos e sumisos. Tamén concienciar sobre as prácticas sexuais de risco e das ETS (enfermidades de transmisión sexual); fomentar as relacións afectivas baseadas na igualdade e nos respecto mutuo e fomentar a tolerancia á diversidade.

“Cremos que a nosa obriga, coma institución pública é contribuir a mellorar a vida das persoas; as diferenzas fannos únicas e a diversidade é un valor que suma. A este obradoiro serán benvidas todas as mozas e mozos con ganas de formarse e informarse para desfrutar das súas relacións afectivo sexuais dun xeito san”, explican dende a OMIX Tomiño.

O obradoiro terá lugar no salón de plenos do Concello de Tomiño, os días 6, 7 e 8 de xullo, en horario de mañá (de 10.30h a 13.30h).