Os Alcaldes da Mancomunidade do Baixo Miño mantiveron unha reunión co Xefe Territorial de Mobilidade acerca do proxecto de explotación de servizos públicos de transporte regular de viaxeiros. Os Concellos da comarca mostraron o seu malestar ante un proxecto que supón unha perda de oportunidade para modernizar e facer do transporte público unha solución de mobilidade para a comarca.

Os concellos da mancomunidade do Baixo Miño (Tomiño, Tui, O Rosal e A Guarda) mantiveron esta mañán unha reunión co Xefe Territorial de Infraestructuras e Mobilidade, Jose Luis Díez.

A Presidenta da Mancomunidade e Alcaldesa de O Rosal, Ánxelas Fernández Callís, acompañada da Alcaldesa de Tomiño, Sandra González, o Alcalde de A Guarda, Antonio Lomba, e o concelleiro de mobilidade guardés, Anxo Baz, trasladaron de primeira man a problemática que supón para a comarca o Proxecto de explotación de servizos públicos de transporte regular de viaxeiros por estrada que neste momentos atópase en trámite de audiencia.

Por outra banda, a mancomunidade do Baixo Miño xa presentou as alegacións conxuntas dos concellos membros que recolle os puntos fundamentais que afectan ao servizo público de transporte e que podería supor un deteriodo na calidade  do mesmo.

A Mancomunidade lamenta que non se aproveita esta oportunidade que apostar polo servizo público, xa que se se precariza, terá menos viaxeiros e resultará menos rentable, sendo un círculo vicioso que non favorece o transporte público, unha solución de mobilidade que Europa recomenda como menos contaminante, máis rendible e con futuro.