Os centros educativos de Tomiño amosan o seu lado máis innovador

Os centros educativos de Tomiño amosan o seu lado máis innovador Os CEIP de Sobrada e Pintor Antonio Fernández de Goián celebran xornadas de portas abertas para dar a coñecer instalacións, equipo docente e proxecto educativo

Innovar para seguir educando as xeracións do futuro. Ese é o obxectivo dos centros educativos tomiñeses, que día a día traballan para ofrecer ao alumnado un programa educativo adaptado á realidade e con nenos, nenas e mesmo familias como protagonistas. O CEIP de Sobrada e o CEIP Pintor Antonio Fernández de Goián abren estes días as súas portas á veciñanza para dar a coñecer a todas as familias interesadas as súas instalacións, o equipo docente e o seu proxecto educativo.

Os martes 27 de febreiro e 5 de marzo, de 16.15 a 18.00 horas o CEIP de Sobrada abrirá as súas portas para que o público poida descubrir todo o que o centro educativo pode ofrecer. Con servizo de aula matinal, de comedor e transporte escolar, o colexio foi pioneiro no uso de metodoloxías de aprendizaxe cooperativa, nas que o alumnado traballa en equipo para acadar metas comúns, maximizando a súa aprendizaxe e a do resto do grupo.

Nunha contorna privilexiada, conta con ratios reducidos e incorpora ás súas aulas metodoloxías activas, o traballo por proxectos e talleres interciclos. Unha preocupación ao detalle polo alumnado que levou ao centro a incorporarse ao programa EDIXGAL e ao de Polos Creativos, apostando tamén pola educación no uso responsable e pedagóxico das novas tecnoloxías dende as idades máis temperás. Serán unhas xornadas nas que percorrer as aulas e resolver as dúbidas sobre a educación que se ofrece no centro.

Pola súa banda, o CEIP Pintor Antonio Fernández de Goián celebrará a súa xornada de portas abertas este martes 27 de febreiro ás 16.15 horas, unhas horas para afondar en todo o que pode ofrecer o centro, que conta con transporte escolar, servizo de comedor e aula madruga. Preocupado pola formación e desenvolvemento do seu alumnado, o colexio conta con especialistas en Lingua Estranxeira (inglés), en Música, en Educación Física e en Relixión, ademais de dispoñer dun Departamento de Orientación para atender ás necesidades de todos os nenos e nenas formado por unha ou un mestre de Audición e Linguaxe, de Pedagoxía Terapéutica e pola propia Xefatura de Departamento.

O equipo docente emprega metodoloxías vivas e activas e afonda no uso das TICs de xeito responsable, e amosa o seu máis firme compromiso coa educación formando parte dun Plan de Formación Permanente para Profesorado. O centro conta ademais con sección bilingüe e auxiliar de conversa, así como cun club de lectura e unha Asociación de Familias de Alumnado (AFA) que presta unha colaboración fundamental na dinamización da escola, ofrecendo actividades de xeito regular.