Os centros educativos de Tomiño celebran o Día do Libro Un Mannequin Challenge, bandeirolas con portadas de libros ou a visita de César Lorenzo foron algunhas das actividades desenvolvidas para conmemorar a data

O 23 de Abril foi Día do Libro e desde os centros educativos de Tomiño levárose a cabo distintas actividades para conmemorar esta destacada data.

No CEIP Plurilingüe de Tebra o alumnado de 5 e 6 anos puxo a traballar o seu espíritu creativo preparando un libro sobre o seu día a día na escola, motivo polo que recibiron como premio unha rosa de origami, un agasallo típico desta celebración.

A xornada complementouse coas realización de recomendacións lectoras e un marcapáxinas por parte do alumnado ademais da creación dun Mannequin Challenge e dun Stop Motion baseados no libro O monstro de cores.

No CEIP de Sobrada tamén botaron man da creatividade para conmemorar o Día do Libro. O alumnado do centro votou cales eran as súas portadas de libros favoritas e coas gañadoras crearon unhas grandes bandeirolas con debuxos das mesmas que penduraron nas xanelas colexio.

A visita de César Lorenzo foi o máis destacado do día no IES Antón Alonso Ríos. O editor de grandes obras de éxito como Vidas Imaxinarias, O souto dos catro ventos ou Atlas da Galicia pequeniña mantivo un interesante encontro co alumnado do Club de Lectura e da materia de Literatura Universal, onde respondeu a moitas cuestións sobre o mundo que rodea a creación dun libro (autoría, ilustración, tradución, edición…).

Tamén se levou a cabo outra actividade, a “Sementeira Libreira”, na que o IES se encheu de sementeiras cheas de libros a disposición do alumnado e o profesorado coas que se procura facer agromar novos lectores e lectoras.