Os concellos do Baixo Miño reclaman colaboración da Xunta na xestións das praias Resulta chamativo que a estas alturas non se fixera, por parte da Xunta, a previsión para a contratación de socorristas

Na derradeira xuntanza por videoconferencia dos alcaldes e alcaldesas da Mancomunidade do Baixo Miño, celebrada o pasado luns, o tema da apertura das praias foi un dos que ocupou boa parte das intervencións.

Coa entrada na fase 2 da desescalada, autorízase a apertura das praias e zonas de baño, á vez que se establece unha serie de recomendacións para o seu uso en condicións de seguridade. No caso do Baixo Miño atópanse praias e zonas de baño de moi diferentes características e todas teñen en común a dificultade na súa xestión.

Hai praias marítimas, como a Area Grande; fluviais, como as do Esteiro do Miño, a de Eiras ou Goián, e tamén hai
zonas de baño como As Aceñas ou A Pesqueira no concello do Rosal.

As diferentes características destas praias e zonas de baño, fan que os elementos de risco nelas sexan moi diferentes. Dado que estes varían segundo a extensión da praia, a salubridade das súas augas e incluso o caudal que as zonas de baño teñen en cada caso.

Os alcaldes e alcaldesas do Baixo Miño apelan, en calquera caso, a responsabilidade da cidadanía dadas as dificultades para levar a cabo calquera forma de xestión das recomendadas polas distintas administracións. Para todas se necesita, ademais dun importante investimento económico en sinalización, a dotación de persoal suficiente para levar o control das persoas. Neste sentido os concellos decláranse desasistidos pola Xunta
de Galicia, dado que o solo feito de sinalizar as praias para dar as recomendacións á poboación resulta moi gravoso e, de momento, non recibiron para este fin, nin para outros relacionados co Estado de Alarma e de crise sanitaria, ningunha partida económica adicional por parte da Xunta.

Tamén resulta chamativo para os rexedores e rexedoras que a estas alturas non se fixo, por parte da Xunta, a previsión para a contratación de socorristas para as praias, sabendo que serían necesarios unha vez que se permitira o baño, e especialmente, co remate da actividade escolar.