Os concellos Revitaliza coñecen tres experiencias de recollida de residuos mediante o sistema porta a porta con resultados “indiscutibles” en Euskadi Hoxe a viaxe formativa do Revitaliza sigue por Euskadi, Navarra e Cataluña con outras catro experiencias diferentes sobre residuos

Representantes do Revitaliza da Deputación e dos concellos de Poio, O Grove, Sanxenxo, Vilagarcía, Mancomunidade do Morrazo, Valga, Soutomaior, Tomiño, A Guarda, Tui, Mondariz, As Neves, Ponteareas e A Cañiza, comezaron hoxe en Euskadi a súa viaxe formativa para coñecer novos sistemas de recollida de residuos que poder aplicar en territorio pontevedrés. As conclusións non puideron estar máis claras: a recollida Porta a Porta (PaP) obtén resultados “indiscutibles”  tanto en calidade como en rapidez  á hora de mellorar as taxas de reciclaxe e compostaxe. Os municipios de Kripán, da mancomunidade de Sakana e o concello de Usurbil melloraron as súas cifras en pouco tempo dun 20% ata un 85%, moi por riba do que nestes momentos esixe a normativa europea para este ano 2022.

A primeira parada da comitiva pontevedresa estivo no concello de Kripán, onde o alcalde Joseba Fernández –tamén presidente da mancomunidade da zona- explicou que o municipio (200 habitantes) forma parte da Rioxa alavesa e da mancomunidade, que chega aos 12.000 habitantes. Apuntou que a compostaxe é obrigatoria por ordenanza e que a veciñanza ten dúas posibilidades de “compostar si ou si”, levando os seus biorresiduos á zona comunitaria de compostaxe ou deixándoos na zona habilitada para que llos recollan PaP. En dous anos as cifras de reciclaxe pasaron do 20% ao 70%, tendo colectores na rúa para o resto das fraccións con control de acceso por tarxeta que limitan canto e como se bota o lixo. A implantación deste sistema na pequena vila está agora en fase de expansión a outros municipios da mancomunidade con entre 1.000 e 3.000 habitantes, como Marqués de Riscal, onde están as coñecidas adegas.

A segunda parada do día foi á Mancomunidade de Sakana, á planta de compostaxe de Arbizu. Na comarca hai 20.000 habitantes en 15 concellos, estando a planta no medio do val e preparada para tratar entre 1.200 e 1.300 toneladas de orgánico, que chega despois dunha recollida principalmente PaP e tamén por 5º colector nalgúns casos, así como outro sistema máis de recollida. O alcalde de Urdiain e presidente da manconumindade  Daviz Oroz subiñou que nestes momentos a mancomunidade acadou o máximo nivel de separación en toda Navarra obtendo compost da maior calidade na planta de compostaxe, incluso útil para agricultura ecolóxica, que despois se reparte gratuitamente entre a veciñanza.

Oroz foi un claro defensor da recollida PaP: “A nosa vivencia é clara. Convivimos con 3 sistemas de recollida e se me demostran que con outro sistema se conseguen iguais cifras non teño problema. Pero os resultados son indiscutibles: co PaP conseguimos unha separación do 85%, cun resto de só o 15%, e con outros sistemas como os colectores baixamos ao 50% de separación. O PaP ten algúns problemas políticos e de xestión, pero é o futuro”, salientou.

Sen colectores na rúa e facendo agrocompostaxe

Finalmente, xa pola tarde, a parada foi no concello de Usurbil, que dende 2009 é o primeiro municipio do País Vasco en recollida selectiva, achegando niveis superiores ao 80%. Neste caso unha das novidades é a implantación dunha ‘taxa xusta’ en 2014 e a ausencia de colectores para recoller ningunha fracción na rúa: todos os días a veciñanza saca a fracción correspondente nun caldeiro que está identificado por persoa usuaria e cantidade.

Segundo explicou á comitiva pontevedra do Revitaliza o técnico Ibon Goikoetxea, en cuestión de só varias semanas o municipio conseguiu cifras espectaculares de reciclaxe ao implantar a recollida PaP: “hai unha adaptación da veciñanza de maneira inmediata ao retirar os colectores da rúa, a xente adáptase e os resultados son moi bos”. Subliñou que nestes momentos a cidadanía paga polo lixo un fixo e un variable en función dos residuos que non recicla e deixa no cubo do ‘resto’ (o que non é orgánico, cartón, plásticos ou vidro).

Outra das novidades de Usurbil é a posta en marcha dunha planta de agrocompostaxe, na que hai un acordo entre o concello, a asociación de desenvolvemento rural e o sector agrícola da zona: en termos xurídicos o primeiro é o posuidor do residuo, o segundo o que o xestiona, e o terceiro o que achega a man de obra para a compostaxe e se beneficia do compost. “Estamos a ver como funciona. Recollemos unhas 700-800 toneladas anuais e tratamos unhas 48 na miniplanta. Temos que ver os resultados, pero así pechamos o círculo dende o principio, cun aproveitamento dos residuos”, finalizou Goikoetxea.

Todas estas ideas serán incorporadas polo persoal político e técnico pontevedrés para ver a posibilidade de implantación na provincia. Hoxe a viaxe formativa do Revitaliza seguirá por Euskadi, Navarra e Cataluña con outras catro experiencias diferentes sobre residuos.

Fonte: Deputación de Pontevedra.