Os mercados de Tomiño e Goián acadan unha axuda de máis de 66.000 euros

Os mercados de Tomiño e Goián acadan unha axuda de máis de 66.000 euros A Xunta outorgou esta subvención para o financiamento de diferentes accións durante os anos 2023 e 2024

Os mercados municipais continúan a traballar para manter o seu selo de excelencia. Neste camiño as prazas de abastos de Tomiño e de Goián acadaron unha subvención de máis de 66.000 euros da Consellería de Economía, Industria e Innovación para financiar diferentes actuacións en ambas as dúas instalacións ao longo dos anos 2023 e 2024.

Deste xeito, o Mercado de Tomiño recibiu preto de 60.000 euros, 12.282 euros en 2023 e 47.594 no ano 2024, para levar a cabo un programa de formación entre os praceiros e praceiras, así como para a mellora da eficiencia enerxética da praza e para seguir mantendo o selo de Mercado Excelente. Todas estas iniciativas supuxeron un investimento total de 59.876 euros aos que sumar os 16.016 euros da achega municipal.

Pola súa banda, o Mercado de Goián conseguiu unha axuda de máis de 6.000 euros, 5.904€ para actividades no 2023 e 580€ para o 2024. A través desta subvención, levouse a cabo un traballo de formación dos praceiros e praceiras e unha diagnose. O Concello completou o investimento cunha achega de 1.621 euros.

Estas subvencións forman parte das axudas outorgadas en réxime de concorrencia non competitiva postas en marcha pola Xunta de Galicia para o impulso da Rede de mercados excelentes de Galicia e para a dinamización e revitalización das prazas de abastos.