Os sete GDR que coordinan os Xeodestinos ofrecen a súa colaboración á Xunta de Galicia para reactivar o turismo nas áreas rurais Propoñen traballar en rede como axentes Dinamizadores de Innovación Turística, formar e implementar as normas necesarias para o turismo tras o COVID-19

A crise sanitaria mundial provocada polo COVID-19 terá un impacto sen precedentes en todos os ámbitos da economía e da sociedade, polo que tras a primeira fase crítica que se está a vivir quedará por diante unha fase vital para a recuperación en todos os sectores, tamén para o turismo. Pensando xa na seguinte fase, os sete Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) que están a coordinar os Xeodestinos ofrecen a súa colaboración á Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia para reactivar o turismo nas áreas rurais e potenciar a posta en valor do rural aproveitando a capacidade técnica dos grupos e das súas estruturas de gobernanza local.

Deste xeito, a Asociación de Desenvolvemento Rural Condado Paradanta (xestor do Xeodestino Terras do Condado Paradanta), a Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos (Xeodestino ‘A Coruña e As Mariñas’), o Grupo de Desenvolvemento Rural Ulla Tambre Mandeo e a Asociación Terras de Compostela (Xeodestino Terras de Santiago), a Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste EuRural (Xeodestino da Ría de Vigo e Baixo Miño), a Asociación Montes e Vales Orientais (Xeodestino Ancares) e a Asociación de Desenvolvemento Rural Terra de Pontevedra Norte (Xeodestino Deza e Tabeirós) propoñen ao Goberno autonómico asinar colaboración ou xestionar axudas de maneira directa para poder levar a cabo as diferentes accións establecidas no Plan de Seguridade Sanitaria para a recuperación paulatina e axeitada do sector.

Tendo en conta que o turismo rural de interior terá un peso relevante para o arranque o sector despois da saída da fase de confinamento, os GDR ofrecen a súa colaboración á Xunta para levar a cabo accións de formación e implementación das normas necesarias para o turismo rural, ambiental, de natureza, de aventura… e para traballar en rede como axentes Dinamizadores de Innovación Turística e da economía colaborativa “canalizando axudas, asesoramento, formación ou cantas cuestións poidan ir dirixidas á recuperación do tecido turístico de cada territorio”.

Ademais, dado o traballo e diálogo permanente dos GDR cos axentes locais, con concellos ou con outras entidades de carácter social e económico dos seus territorios, estas asociacións sen ánimo de lucro convértense nas ferramentas perfectas para poder recoller datos sobre a situación actual na que se atopa o turismo nas súas zonas e par ver as perspectivas do sector nos distintos territorios.