‘Pangea’, o concerto de Abraham Cupeiro e a Banda de Goián na Praza do Seixo

‘Pangea’, o concerto de Abraham Cupeiro e a Banda de Goián na Praza do Seixo O planeta será o fío condutor deste concerto que se celebrará este venres ás 21.30 horas. Necesaria reserva previa no 986 622 001 ou en cultura@tomino.gal

Nova cita musical en Tomiño. Este venres 28 ás 21.30 horas a Praza do Seixo acollerá ‘Pangea’, un evento musical creado por Abraham Cupeiro que nesta ocasión contará coa colaboración da Agrupación Musical de Goián para participar nun proxecto no que o planeta é o gran protagonista, un planeta que se debe coidar e ter moi presente na actualidade que se está a vivir. A entrada será de balde pero para poder acudir ao concerto é preciso facer reserva previa a través do teléfono 986 622 001 ou do correo electrónico cultura@tomino.gal.

Abraham Cupeiro ideou ‘Pangea’ tendo como inspiración o gran supercontinente polo que o planeta estaba formado fai 300 millóns de anos. Para a bioloxía e a xeoloxía esta teoría xustifica o parentesco e a presenza de especies e formatos xeolóxicos en continentes distintos. ‘Pangea’, que en grego significa ‘toda a terra’, quere unir de forma metafórica a terra a través da música, poñendo a unión como unha necesidade vital para frear a destrución do planeta.

Esta nova unión non sería posible sen un terceiro elemento: o aire. Sen el o son dos instrumentos non podería navegar polo espazo para chegar aos oídos do público que acuda á Praza do Seixo a desfrutar deste concerto. A estes instrumentos sumaránselle tamén outros máis humildes que evocarán culturas e paisaxes aos que se quere transportar a todas as persoas presentes.