Parabéns ao atleta do club Trega Álex Sierpes polo seu bronce no Campionato de España Indoor sub16

Parabéns ao atleta do club Trega Álex Sierpes polo seu bronce no Campionato de España Indoor sub16 Acadou o metal na proba dos 3.000 metros de pista cuberta na competición celebrada esta fin de semana en Sabadell

Gran debut para o deportista do Club Atletismo Trega de Tomiño Álex Sierpes Pereira, que conseguiu a medalla de bronce no Campionato de España Indoor sub16 na proba dos 3.000 metros de pista cuberta celebrado a pasada fin de semana na cidade catalá de Sabadell.

O novo atleta estreábase en probas individuais nun campionato estatal de pista cuberta, no que se enfrontou aos 21 mellores especialistas de toda España por orde de marcas do ranking nacional. E facíao acadando un inmellorable resultado, facendo un rexistro de 9’01’38’’, quedando a tan só 21 centésimas da prata e a pouco máis dun segundo do ouro, afrontando toda a carreira nos postos dianteiros e cedendo metros só na parte final da proba a pesar de levar máis dun mes con molestias físicas a causa dun fallo biomecánico da pisada que non lle deixou afrontar con plenitude o último tramo da súa preparación.

Dende o Concello de Tomiño queremos transmitir os parabéns a Álex Sierpes por ese debut impecable na categoría e desexarlle unha pronta recuperación total para afrontar o último tramo da tempada nas probas de aire libre.