Pily Reñones rende tributo ao traballo da muller A mostra inclúe máis de sesenta retratos de mulleres de Tomiño traballando ou desfrutando da vida a través de momentos cotiáns

Este ano, o Concello organiza para as Festas do Alivio unha exposición da fotógrafa tomiñesa Pily Reñones, que leva por título “Camiños Converxentes”. A mostra, que estará aberta ao público entre o 7 e o 30 de setembro no Mercado Municipal (1º andar), e foi inaugurada o pasado sábado ante numeroso público.

A exposición consta de máis de sesenta retratos en branco e negro de mulleres de Tomiño exercendo a súa profesión ou oficio, ou desfrutando de momentos cotiáns, de reunión e ledicia. A fotógrafa, que dedicou a maior parte da súa carreira a fotografías de vodas, explicou que esta mostra retrata a mulleres de Tomiño; de distintas idades e condicións, desenvolvendo os seus oficios en diferentes espazos e épocas.

Pily Reñones foi nomeada aos premios Goya de Fotografía (da Asociación de fotógrafos profesionais de Zaragoza) pola fotografía “Holanda”, na que a autora retrata a unha ancián da localidade aurensá de Riós.

Recentemente, o Concello celebrou unha homenaxe á fotógrafa, durante a cal esta fixo entrega á alcaldesa de Tomiño dunha copia enmarcada da devandita fotografía.