Presentada a maqueta da Santa Mª. de Tomiño, realizada por alumnado de ESO do IES local, co apoio da Comunidade de Montes da parroquia

Concello Tomiño. Maqueta Ies 1 Concello Tomiño. Maqueta Ies 2

O pasado venres, 5 de outubro, ás 19.00 horas, tivolugar na Casa da Cultura, a presentación dunha maqueta a escala da Parroquia de Santa Mª de Tomiño, construída polos 120 alumnos e alumnas que cursaron 1º de ESO no IES de Tomiño durante o curso 2013 2014, como traballo da asignatura “Proxecto Interdisciplinar”, promovido e financiado pola Comunidade de Montes da parroquia.

A maqueta foi construída con pranchas de cartón a partir do mapa topográfico a escala 1:2000. Dividiuse a superficie de traballo en 6 pezas cunha superficie cada unha de aproximadamente 1,20 x 0,8 m. O alumnado tivo que ir marcando, unha a unha, todas as curvas de nivel que representaban o relevo da parroquia. Cunha diferenza de altitude entre curvas de 5 m, a maqueta chega a ter máis de 100 pranchas de cartón superpostas na zona que representa o alto da pedrada, de máis de 500 m de altitude.

O resultado é unha representación da paisaxe que sorprende pola súa precisión e beleza. As seis pezas que forman a maqueta ocupan xuntas unha superficie de case 9 m cadrados. Nela non so está representado o relevo, senón tamén os edificios, a vexetación e sinalización de elementos etnográficos, coma pontes, fontes, muíños, petos de ánimas,cruceiros e outros elementos de interese.

O acto foi presentado polo director do IES, Carlos Villanueva quen, xunto ao profesor Luis Lechuga e Xosé Mª Regueiro, axudaron aos estudantes de ESO no delicado traballo de construción da maqueta.

En representación do alumnado, falou Sofía Areal, quen agradeceu o apoio dos profesores e dos responsables municipais, así coma o da Comunidade de Montes.

Todos os alumnos e alumnas participantes e presentes no acto, recibiron un diploma acreditativo da súa participación no proxecto.

Despois da presentación, a maqueta poderá ser visitada durante o sábado día 4. Posteriormente, será montada no IES de
Tomiño.

Concello Tomiño. Maqueta Ies 3