‘Que din as rumorosas’, unha comedia coral sobre como ser artista... e muller

‘Que din as rumorosas’, unha comedia coral sobre como ser artista… e muller Maquinarias Teatro chega este sábado 9 a Tomiño ao abeiro da programación do 8M. A obra será ás 21.00 h no Auditorio de Goián

Contra vento e marea, seis intérpretes navegan xuntas con outras seis artistas galegas nun exótico cruceiro atemporal no que destaparán os seus segredos máis íntimos, as alegrías e as amarguras de crear, para rirse delas mesmas e, sobre todo, da estrutura patriarcal do sistema artístico. De todo iso poderá desfrutar o público coa comedia coral ‘Que din as rumorosas’, un cóctel de humor e amor co que Maquinarias Teatro visitará este sábado 9 de marzo no auditorio de Goián.

Unha obra que fala da arte como camiño inevitable e galardoada co IV Premio Luisa Villanta a Proxectos pola Igualdade 2022 da Deputación da Coruña que o Concello traerá a Tomiño ao abeiro do programa de actividades celebradas co gallo do 8M, Día Internacional da Muller. Unha entretida comedia que convidará ao público achegar o seu gran de area para navegar a través das augas descoñecidas e apaixonantes da arte e tentar chegar a bo porto.

Dirixida a persoas adultas, o público poderá mergullarse nas aventuras de ‘Que din as rumorosas’ a partir as 21.00 horas. As entradas poderán mercarse a un prezo de 5 euros unha hora antes do espectáculo no despacho de billetes do propio auditorio de Goián.