Quince actividades para desfrutar da primavera en Tomiño

Quince actividades para desfrutar da primavera en Tomiño

O Concello ten lista para os meses de marzo, abril e maio unha programación que contará cun ciclo de teatro para persoas adultas e outro para toda a familia, concertos e diferentes cursos formativos para mocidade

Tomiño desfruta xa da súa ampla programación de primavera, unha axenda con quince propostas e máis de 50 horas de lecer para os meses de marzo, abril e maio con actividades para todos os públicos e todos os gustos. Unha morea de iniciativas centradas na música, nas artes escénicas e na formación da mocidade tomiñesa “coas que continuar ofrecendo aos nosos veciños e veciñas alternativas de ocio de calidade durante todo o ano, actividades que recollen os seus intereses e que fan de Tomiño un concello cheo de vida, diversión e lecer”.

A programación de primavera contará cun ciclo de teatro dirixido a público adulto que traerá ao Auditorio de Goián algunhas das mellores obras do momento os sábados ás 21.00 horas. Deste xeito, este sábado 9 de marzo ‘Que din as rumorosas’ de Maquinarias Teatro ofrecerá unha comedia colectiva na que seis intérpretes descubrirán ao público como sobreviven titanicamente ao día a día de ser muller… e artista.

Xa no mes de abril, o sábado 6 será a quenda de ‘De algo hai que morrer’, de Malasombra Producións, unha conferencia fúnebre, cómica e teatral na que dous prestixiosos pero peculiares científicos divulgan as súas investigacións sobre un tema que afecta ao cen por cen da poboación mundial: a morte. O sábado 20, estará no escenario ‘Iribarne’, de Butaca Zero, unha investigación escénica sobre unha desas figuras do noso pasado recente sen ser un biopic.

A cativada tamén poderá desfrutar do teatro co ciclo para público familiar, que levará diferentes obras ao Auditorio de Goián os domingos ás 17.30 horas. Arrancará este domingo 10 de marzo con ‘Travesía Unicornio’, de Urdime Teatro, un percorrido dun neno e o seu unicornio cunha xenia para facer realidade todos os seus desexos. En abril, a rapazada poderá desfrutar o día 7 de ‘A illa da deslembraza’, de Ártika, na que se abordarán recordos que veñen e van, e o día 21 de ‘O secuestro da bibliotecaria’, de Sarabela Teatro. As entradas de todas as obras de teatro, tano para público adulto como familiar, deberán mercarse de forma presencial no despacho de boletos do propio Auditorio de Goián dende unha hora antes do comezo do espectáculo.

Esta primavera Tomiño tamén desfrutará dun ciclo musical con tres concertos de balde para todos os públicos no Auditorio de Goián. O domingo 24 de marzo, ás 19.00 h a Coral Polifónica de Tomiño ofrecerá o seu tradicional concerto de primavera, no que fará gala do seu amplo repertorio musical. O sábado 13 de abril (20.00 h) a Agrupación Musical de Goián ofrecerá o Concerto do Socio, co que se busca agradecer o apoio incondicional de todas as súas persoas asociadas. Mentre, o sábado 27 de abril (20.00 h) a Agrupación organizará o Encontro de Bandas Escola, un concerto variado co que apoiar ao alumnado das escolas de música.

Por outra banda, para conmemorar o Día das Letras Galegas, o venres 17 de maio a Praza do Seixo acollerá unha morea de actividades de 10.00 a 14.00 horas para poñer en valor o galego e fomentar o seu uso.

E se de algo chega cargada a primavera a Tomiño é de obradoiros formativos para a mocidade. Ademais do curso de monitor e monitora de lecer e tempo libre de 350 horas que xa está en marcha e que tivo una grande acollida, no mes de marzo celebrarase unha nova edición do taller de bordado sobre fotografía en tea con dous novos grupos de traballo dada o grande interese que espertou entre mozos e mozas a primeira edición, que se pechou con lista de agarda. Será o sábado 16 na Praza Cultura de Goián cun grupo de 09.30 a 13.30 horas e outro de 16.00 a 20.00 horas.

Xa no mes de abril, a OMIX de Tomiño porá en marcha un curso de horticultura ecolóxica que se celebrará os sábados dende o día 5 de abril ata o 10 de maio. En maio a música tradicional será a protagonista, cun obradoiro de bailes de serán de catro horas no Auditorio de Goián e outro de construción de pandeiretas na Praza Cultura de Goián o 25 de maio. Os formularios de inscrición para participar nestes cursos irán abríndose de forma paulatina na web municipal ao longo das vindeiras semanas.